Morriña pola terra foránea

Isabel Rey, emigrante retornada de Suíza (Foto: José Álvez)
photo_camera Isabel Rey, emigrante retornada de Suíza (Foto: José Álvez)

Morriña é o sentimento de María Isabel Dosinda Rey Álvarez cando pensa en Suíza, o país onde estivo emigrada quince anos e do que nunca quixo marchar. «No 62 fun para alá e volvín no 77 por causas familiares, senón non volvería ata que me trouxeran nun cofre», di convencida. Ela é unha das tres veciñas de Xove que protagonizan o domingo os actos do Concello polo Día da Muller Traballadora, que este ano adica ás emigrantes retornadas do municipio.

Isabel Rey emigrou tres meses despois que o seu marido, electricista viveirense que aquí «tiña moito traballo, pero cobrar... nada». Nesa época «a xente empezou a ir para Suiza» e alá foron eles tamén, para a localidade de Glasbruk, preto de Zurich. O máis difícil, asegura, foi o idioma «Alí fálase alemán, francés, italiano e romanche. Eu son perito mercantil e sabía catro palabras en inglés, catro en francés, pero a maioría da xente non tiña idea», relata.

O seu primeiro emprego foi nunha empresa de lavandería manexando «unha máquina de recoller roupa que xa salía planchada», pero ós dez meses pasou a traballar nas oficinas. «Había que poñerlle o nome á roupa no paquete, entón viron a miña caligrafía e gustoulles. Eles estaban acostumados a outra xente que case non sabía escribir», engade. Aí estivo sete anos, ata que viu nun xornal un anuncio «dunha empresa boísima» de material de oficina, que a contratou logo de ir a unha entrevista e de ter en conta a carta de recomendación que lle deran no anterior traballo e que aínda hoxe conserva. «Dixéronme que esa carta valía un capital, que non a perdera nunca, e non a perdín».

Isabel Rey atopou un problema no feito de que os suizos tiveran connotacións negativas dos emigrantes. «Ó pouco de chegar alí, un español matou a un suizo nun quiosco por roubarlle catro francos, entón, asociábante a esas cousas», di. Isto perxudicoulle inicialmente á hora de buscar a súa vivenda, pois os donos non querían alugar a estranxeiros, pero a cousa cambiou logo de que ela se presentara na casa dos propietarios para preguntarlles «se todos os suizos eran bos». Hoxe aínda manteñen relación por carta.

Bota de menos moitas cousas de Suiza, a onde quere volver canto antes, como non ter un médico de cabeceira asignado, «alí ibas a onde querías, eu nunha tarde fun a catro», comenta. Tamén resalta a limpeza nas rúas, «non había un papel no chan, e pobre de ti que alguén te vira facendo un esputo ou tirando unha colilla». Eran máis doados os papeleos, non facía falta que houbera revisores nos tranvías e os xefes «estaban ás 6.45 no traballo para dar os bos días ós traballadores. A ver se collen exemplo algúns», di graciosa.

Nélida e Antonia

As outras dúas homenaxeadas son Nélida Fernández Quelle, que marchou para Arxentina, e Antonia Rey Casariego, que emigrou a Liberia.

Comentarios