Morador dos bosques

Pasara tantas veces por aquel camiño que nin recordaba que estaba alí. Chovía. Chovía como cando non chove; tiña que sacar a man cara adiante para comprobar que si, que realmente me estaba mollando. Chovía. Todas as árbores que cercaban o camiño miraban para min; sempre me miraban, cos seus ollos verdes… mirábanme. Camiñaba polo lado dereito do camiño. Sempre camiñaba polo lado dereito e miraba para  a esquerda. Miraba máis árbores, máis camiños, máis bosque, máis suave choiva. ¡Cantas veces pasara por alí! Pasara tantas veces que nunca estivera.

Non son cazador, non son guerreiro, non son soldado, non son defensor: son un morador, un morador dos bosques. Camiño polas fragas da vida sen cazar, sen guerrear, sen atacar, sen defender, sen agredir. Camiño polas fragas da vida camiñando, andando, vendo, mirando, ¿buscando? Si, buscando.

Ás veces paréceme atopar; ás veces paréceme ver; ás veces paréceme ter que parar de andar, parar de morar. Son morador. Son morador dos bosques. Cámiñei miles de pasos de camiños, falei con centos de paxaros que me oiron, escoitei ducias de ventos que me asustaron, chorei moitas veces que tiña frío, tiven frío moitas veces que non choraba e falei con xentes que non estaban.

Hai hoxe tres meses, camiñaba pola esquerda do camiño e mirei a dereita. E vin. Vin un camiño polo que me parecía ter camiñado outras veces. Entrei no camiño e camiñei… os moradores dos bosques non temos países nin temos reis que nos miren dende o alto, pero temos princesas, e alí estaba.

Alí estaba a princesa dos bosques. Xa a vira máis veces; xa a mirara máis veces; xa a sentira cando camiñaba pola dereita do camiño. A súa cara era de luz, a súa luz estaba debuxada con sorrisos, os seus ollos grandes redondeaban as árbores ao refrexarse neles. Miraba como quen atopa, e eu atopei a quen sempre me miraba. Ninguén saberá quen bicou a quen, porque nunca nos deixaremos de bicar. Son morador dos bosques, pero xa non son eu; son ti, princesa dos bosques.

Comentarios