"A montaña de Lugo é zona oseira e temos que conxugar oso e apicultura"

A directora de Patrimonio Natural detallou aos alcaldes o plan de asentamento deste animal
Ana María Díaz
photo_camera Ana María Díaz

A directora Xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, sinalou que "nos Ancares e no Courel temos unha zona oseira. Iso é bo para a diversidade e como fonte de recursos económicos. Pero tamén produce danos, especialmente aos apicultores, e temos que encontrar o xeito de que se poida convivir. A cidadanía non ten porque soportar os danos da fauna salvaxe".

Fai uns días, Díaz mantivo unha reunión cos alcaldes do Courel, Quiroga, Samos, Triacastela, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro para informalos da posta en marcha inmediata dun proxecto amparado pola Unión Europea e liderado pola Fundación Oso Pardo co que se pretende asentar a presenza deste animal nos concellos mencionados e, ao mesmo tempo, protexer á poboación e aos produtores, entre eles os apicultores.


A directora insistiu en que o apoio da Xunta á montaña é total e que tamén respalda a solicitude de xeoparque que se promove para O Courel


Este sábado desvelou máis detalles dese proxecto e aclarou que é un plan moi ambicioso para acometer en dous anos e medio é cunha dotación de 1,6 millóns de euros. "Ese diñeiro invertirase en medidas no territorio que en todos os casos teñen que estar consensuadas e validadas polos veciños. O diálogo é fundamental. Temos que lograr chegar a acordos cos apicultores e resto dos afectados".

Sobre as accións concretas que se levarán a cabo, a directora xeral destacou a intención de acometer desbroces nos tecores para garantizar a seguridade de todas as partes ou a adquisición de propiedades abandonadas para facer pequenos bosques de froitos onde o oso teña onde alimentarse sen necesidade de acudir ás colmeas, Tamén hai previstas medidas orientadas á protección de colmeas coa construción de muros que rodeen eses lugares, así como actuacións no entorno das principais vías de comunicación para habilitar pasos de animais e que non poñan en risco a súa integridade nin a dos condutor.

Díaz insistiu en que "a Fundación Oso Pardo é realmente o xefe de filas. Os concellos e a Xunta somos os seus asociados, pero a operación vai guiada polos profesionais de Oso Pardo que coñecen a fondo a realidade e saben como abordala".

Engadiu que "sobre o terreo imos facer un equipo de axentes de intervención con técnicos da Consellería de Medio Ambiente que dun lado leven as relacións e reunións cos veciños pero que tamén poidan intervir en casos de conflitos ou ataques dos osos ás propiedades privados".

Tamén terá un papel importante a Unión Europea en canto a supervisión. "A Unión Europea fará un seguemento moi estrito para comprobar que se fan todas as accións, que esas actividades son as máis axeitadas, que contan co apoio veciñal e que os fondos se invirten íntegra e correctamente", dixo Díaz.

Comentarios