Mongolia

Ao rematar cada lexislatura os políticos non só deberían facer unha exposición cos seus correos electrónicos senón tamén publicar un libro de viaxes cos seus destinos máis tremendos. Un libro no que se fale non tanto dos nativos como dos galegos que os visitan. A última expedición dos parlamentarios galegos é a Mongolia interior cun obxectivo fino: estudar o seu sistema autonómico. “Hai paralelismos”, din. Van invitados por China, aclaran, que preferiu que foran deputados galegos que cataláns: moito gastolevalos en helicóptero.

Se se trata de aforrar penso eu que mellor era ir ao Tíbet e viñan xa todos co pelo cortado e roupa nova, pero China prefire que coñezan Mongolia polos paralelismos, que os carga o diaño. Para iso están invitados representantes dos tres grupos para desactivar polémicas incómodas. O café para todos era unha viaxe á Mongolia interior. Alí tamén teñen unha lingua propia, que é unha cousa moi galega,  e unha cultura, curiosamente igual que aquí.

Con sorte, alí mesmo teñen os mesmos días da semana que aquí e enterran os mortos. Enterados de tales tradicións, os deputados van para alá velo cos seus propios ollos. Que anden por alí despacio, non se vaian atopar cos seus dobres e Mongolia sexa o noso reverso chinés, e toda a vida co tiquismiquis da acepción de galego e cando o sacamos da RAE ao final vannos chamar mongoles.

Comentarios