Monforte vuelve a la infancia

A sede de Amafer, no edificio da estación de tren monfortina, acolle unha exposición de xoguetes antigos que está composta por máis de 60 pezas e algunhas datan de 1900
Unha muller fálalle a dúas cativas sobre os xoguetes da exposición.
photo_camera Unha muller fálalle a dúas cativas sobre os xoguetes da exposición.

Pasos a nivel, portas de indicación, placas xiratorias e trens, todos eles de xoguete, comparten vitrina xunto a outros xogos de arquitectura e pequenas imprentiñas nunha das salas da sede da Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril (Amafer), ubicada no edificio da estación de tren da cidade do Cabe.

Nas delicadas caixas de cristal están tamén protexidos patinetes antigos e fermosos instrumentos musicais de xoguete creados á semellanza dun acordeón e un piano, en pequeno tamaño. Ademais disto, hai un proxector de cine sonoro e unha lanterna máxica de 1915, fabricada en Alemaña.

A exposición, que está formada por máis de 60 pezas, pódese visitar os martes e os xoves dende as 11.00 ás 13.00 horas. A colección permanecerá na cidade do Cabe ata febreiro do vindeiro ano e, como se trata dunha mostra viva, no Nadal cambiaranse as pezas que se amosan agora por outras novas.

A colección de xoguetes antigos recompila pezas dende 1900 ata 1970 e as que se amosan na cidade do Cabe son as máis representativas dos case 2.000 xoguetes antigos que posúe Arturo Gutiérrez Morán logo de moitos anos de colección.

A exposición de xoguetes antigos resulta interesante para o público en xeral. Para os adultos funciona coma unha viaxe de volta á infancia, xa que nela atoparán moitos dos xogos cos que gozaron outrora. Mentres que aos cativos e á xente moza lles permite coñecer como era o divertimento dos seus pais e avós.

Coleccionista

Arturo Gutiérrez é un apaixonado dos xoguetes. Nótase polo seu xeito de falar sobre estes e di que se fixo coleccionista case sen decatarse.Asegura sentirse moi ledo coa posibilidade de compartir os seus xoguetes. «Exhibir estes obxectos é como devolver as ilusións que no pasado fixeron felices a moitos nenos», asegura. Cada un dos xoguetes é especial por distintos motivos e todos agochan unha historia propia.

Da mostra que se pode visitar en Monforte, Gutiérrez asegura que o máis importante é «o coche de pedais, porque non se coñece a existencia de ningún outro no Estado», explica entusiasmado.

O propietario das pezas que forman a mostra conta con case 2.000 xoguetes antigos de todas as temáticas

Comentarios