Monforte rejuvenece

Hostaleiros e comerciantes monfortinos uníronse para organizar sorteos coa finalidade de promocionar e dinamizar a cidade do Cabe
Un intre do último sorteo celebrado na cervexaría monfortina.
photo_camera Un intre do último sorteo celebrado na cervexaría monfortina.

Monforte agocha nas súas rúas ducias de novos empresarios cheos de ganas de dinamizar a súa cidade. Nos últimos tempos comezaron a súa andaina varios comercios rexentados por mozos cargados de entusiasmo que pretenden rexuvenecer e dar vida á súa vila.

Dun tempo a esta parte os locais de ocio acollen actuacións e participan en concursos de tapas, realizan xornadas gastronómicas temáticas e os comerciantes vólcanse en darlle vida a Monforte de mil maneiras, con citas coma a Noite Branca ou a Fashion Night, meses atrás.

A xente de Monforte está espertando e comeza a facer cousas pola súa cidade, dentro deste marco e na búsqueda da dinamización atópanse os mozos Diego Rodríguez e David Fernández, propietarios da cervexaría Los Goya, que organizan sorteos no seu local algúns venres pola noite, normalmente en fins de semana alternos. O vindeiro encontro será o día 24 deste mes a partir das 23.00 horas. Para coñecer cando se celebrarán os seguintes sorteos só hai que consultar as redes sociais de Los Goya, xa que nestas apuntan os eventos da súa axenda.

Estas citas son posibles grazas a un acordo de colaboración entre varios negocios locais, que doan os produtos que logo se sortean na cervexaría. Os obxectivos dos encontros son dous, dar a coñecer e promocionar o comercio local e tamén ampliar a oferta de ocio en Monforte.

Estes sorteos véñense celebrando dende principios de ano, e os premios que se poden acadar neles son moi variados, dende viaxes, ata bicicletas, mobles, roupa de deporte e tamén de temporada ou lentes, xa que os comercios colaboradores con Los Goya son El rincón de Ariadna, Noz, Doble M, Vintage, Herrero, Tri-Sport, Muebles Torres, Optinova, Bicicletas Integral e Halcón Viajes. Un dos organizadores, Diego Rodríguez, destacou «a calidade dos produtos que ceden os comercios locais», ao que engadiu que nos sorteos «participan persoas de todas as idades».

Dentro dunha semana, Los Goya terá unha nova actividade e acollerá aos cómicos galegos Xosé Antonio Touriñán e Fede Pérez. A cita co humor será ás 23.50 horas.

Os premios que se poden acadar nos sorteos dos venres pola noite na cervexaría Los Goya son moi variados

Comentarios