Mondoñedo abre o Galicia Culturea, un circuíto en homenaxe a Neira Vilas

O programa da Consellería de Cultura achegará a obra do escritor nado en Vila de Cruces a diversos concellos galegos
Presentación do programa cultural baseado en Neira Vilas
photo_camera Presentación do programa cultural baseado en Neira Vilas

A casa consistorial albergou a presentación do programa Galicia Culturea. Cultura e Lingua en verán, unha iniciativa que pretende, en palabras de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, "levar aos concellos a nosa literatura oral". "Contamos cun plan ambicioso onde pretendemos achegar a 160 concellos a nosa cultura, o noso patrimonio" engadíu e fixo un agradecemento á alcaldesa mindoniense, Elena Candia, pola "magnífica acollida para presentar ‘Contos vellos para rapaces novos’ aquí en Mondoñedo". García destacou tamén a importancia de Mondoñedo no eido cultural, sinalando a Álvaro Cunqueiro como "o maior fabulador da literatura galega" e lembrando a outros literatos como Pascual Veiga.

Da obra de Neira Vilas, Valentín García destacou "as ensinanzas, as moralexas, que se ven nos seus relatos" e con respecto ao prgorama presentado este mércores sinalou que un dos obxectivos deste programa é "achegar os máis diversos actos a máis de 160 concellos, cando se celebren festas ou romarías". García declarou que estas representacións de contacontos, que se levarán a cabo en 24 concellos galegos, "van gustar porque falan da nosa historia".


No acto de presentación do circuíto galego, feito no concello mindoniense, os presentes loubaron o carácter literario da cidade


O programa que tomacomo referencia a obra de Xosé Neira Vilas, ‘Contos vellos para rapaces novos’, arranca este xoves en Mondoñedo cun contacontos na Praza do Concello ás sete da tarde.

Á presentación do programa, tamén acudiu a representante da editorial Bolanda, Teresa Rocamonde, e o presidente da fundación Neira Vilas, Luís Reimóndez. Ademais estivo a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, que sinalou que "como alcadesa dunha cidade literaria, cun legado cultural e histórico importante, parécenos interesantes achegar a Neira Vilas, un autor de referencia do rural galego aos mindonienses".

Teresa Rocamonde, de editorial Bolanda —encargada da última revisión da obra de Neira Vilas— indicou que os ‘Contos vellos para rapaces novos’ "é un libro con carácter galego, aínda que recolle contos de todo o mundo, porque Neira Vilas púxoos na lingua galega e sinalou a nosa tradición oral". Rocamonde, recalcou tamén o carácter familiar do espectáculo que "pode gustar a nenos, pais, e aos avós".

Luís Reimóndez, presidente da fundación Neira Vilas, extendeu os agradecementos por promocionar a obra do escritor de Vila de Cruces á Xunta, e á editorial Bolanda, así como a Mondoñedo. Da cidade mariñá sinalou que "é unha cidade emblemática, por unha cuestión histórica e literaria". Reimóndez subliñou da obra do escritor crucense a o "seu carácter global e pedagóxico, con relatos tan nosos como ‘Dous consellos e unha empanada’".

REPRESENTACIÓNS. Ademais da representación en Mondoñedo, o programa achegarase este sábado ao mediodía a Burela, a romaría do Monte Castelo. E o 24 de agosto o espectáculo ‘Palabras máxicas’ estará en Barreiros, na Praza de San Bartolo e tamén en Viveiro.

Comentarios