Moncho Borrajo: "Criticar que tirasen o Gran Teatro custoume non ir a Lugo"

O humorista ofrece unha selección de números no espectáculo 'Cosas mías 2', que chega ao Gustavo Freire de Lugo
Moncho Borrajo
photo_camera Moncho Borrajo

Moncho Borrajo presume de tres cousas: valentía, homosexualidade e intelixencia. Mestúraas nos espectáculos, como fai en 'Cousas mías 2', que presentará este sábado ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

O humorista ourensán lembraba no seu regreso á cidade que estivo "un montón de anos" sen ser convidado despois de actuar no Gran Teatro no momento en que a dotación ía pasar pola pica. "Puxen unha pancarta que dicía "Quen tira un teatro é un terrorista cultural"", que "molestou" tanto "aos políticos" que non o contrataron durante un tempo.

Esta tarde volve con 'Cosas mías 2', un espectáculo armado con números doutros shows "que a xente me pedía porque lle gustaran, pero que non é un refrito" no que conta chistes, imita a cantantes como Chavela Vargas e Amalia Rodrigues e fai "monólogos escatolóxicos, porque o caca, cú, peido, pis sigue funcionando".

Contará iso co seu estilo vehemente que o público lle ríe as grazas, aínda que diga cousas que "se o dí outro o escarallan". O humorista supón que llas consenten a el polo xeito de contalas. "Non teño maldade, son coma un neno e digo as cousas de modo inocente, por rir", indica.

Ese escudo da candidez non lle serve con todo o mundo. "Téñenme chamado 'homófobo', cando son todo o contrario. Eu non son gay, son maricón; porque hai que ser moi home para ser maricón", indica Borrajo, quen non perde a oportunidade para desenvolver a súa teoría. "Eu ríome moito da miña homosexualidade para quitarlle o insulto a quen mo chama. Son intelixente, polo que non son un mariquita de club que se viste de muller para entreter á xente". E remacha: "Nunca celebro o orgullo gay porque estou orgulloso todo o ano".

IMPROVISACIÓN. Como todas as montaxes de Moncho Borrajo, 'Cosas mías 2' ten "un 70 por cento fixo e un 30 por cento modificable, porque sempre intento meter algún comentario sobre o lugar no que actúo. En todos os lugares hai unha 'rotonda do carallo' con algunha estatua horrible porque a xente a ve e se pregunta: "Que carallo é iso?".

O espectáculo que se verá en Lugo mantén "a liña de sempre de falar co público". Os espectadores elixidos para dialogar responden "ás súas posturas físicas, porque, se pechan as pernas, cruzan os brazos ou miran para outro lado" son desbotados por Moncho Borrajo. "Despois de 46 anos enriba do escenario, se vexo un grupo de mulleres, sei quen é a beata, a escandalosa e a reprimida", di.

Comentarios