Momán vaise de celebración gastronómica

A parroquia xermadesa conmemorou a sétima edición da Festa da Paella, na que se deron cita preto de 400 persoas de todas as idades

Grelos, queixo, porco, capón, berza, freces e bola de liscos, cocido, filloas, cogomelos... Son ducias as propostas gastronómicas que se celebran ao longo de todo o ano na comarca chairega e nas Pontes. E a parroquia xermadesa de Momán non ía ser menos. Por iso, vén de conmemorar a sétima edición da Festa da Paella, na que se deron cita preto de 400 persoas de todas as idades e de diferentes procedencias, colleitando un novo éxito.

A xornada arrincou cun xantar de irmandade, servido polo restaurante Merendero dos Vilares (Guitiriz) e que contou cun menú a base de empanada, paella e carne asada, que fixo as delicias dos asistentes.

Para baixar a comida, a Sociedade Recreativa Cultural de Momán, promotora da cita, organizou un concurso de bailes de salón, un clásico desta celebración, ao que se sumaron grandes e pequenos.

Para os menos afeitos a botar unhas pezas, tamén se promoveu un campionato de tute, no que participaron ducias de parellas, que estiveron entretidas durante boa parte da tarde.

A maiores, e para o desfrute dos presentes, realizouse unha exhibición de zumba, e a empresa Ita Animación fixo actividades para que os máis pequenos da casa pasaran tamén unha tarde divertida.

O fin de festa chegou coa animación musical do dúo Caramelo, que sacou á pista de baile a moitos dos asistentes. Ademais, organizouse un sorteo de agasallos entre os presentes, que levaron un bo sabor de boca desta nova edición da Festa da Paella de Momán.

Comentarios