Moitos 'dereitos' de Deus nuestro señor

NO CENTRO DE SAÚDE de Fingoi dous carteis reciben aos usuarios do Sergas. No dos Dereitos falta espazo. O dos Deberes está case en branco. Os Dereitos gañan por goleada: 9 a 4. Algo non vai ben: a cidadanía constrúese cunha mestura equilibrada de ambos.

Este debe ser o país con máis dereitos por habitante. Gratuítos, claro. Mesmo algúns ‘artistas’ lograrán o imposible: transitar desde o berce ata o cadaleito pola autovía da gratuidade e das subvencións. Dereitos desde que se nace. A mellor e máis sofisticada sanidade do mundo. Escola pública gratis total. Libros de texto carísimos que acaban novos no rocho. Gratis ou pagados entre todos?

Todo un paraugas acubilla a xente no Estado do Benestar. E que dure o dereito á educación, á sanidade e ás pensións: as tres patas do benestar menguante tras a sementeira de medos e dogmas neoliberais mentireiros que percorre Europa.

Acostumados á linguaxe dos dereitos esquecemos que esta andamiaxe só pode sosterse co reverso dos deberes cidadáns. E dos impostos: moitos para os que teñen e poden, poucos para os que pouco poden. Xente irada e irreflexiva métese na cadea sen fin das esixencias. Rapaces que non saíron do ovo esixen móbiles sofisticados e presentan facturas inasumibles. Rapaciñas disfrazadas con roupa de deseño, berran o ‘dereito’ a volver de madrugada.

Se alguén lles fala de deberes é o ‘abuelo Cebolleta’. Se algunha nai ponse pesada pode recibir unha labazada dun rapazolo con ‘dereito’ a mazar. En sentido inverso, un sopapo a ese miñaxoia págase con cárcere. Medra unha xeración perdida que nin estuda nin pode traballar: gasta. ‘Dereito’ a facer o que me pete, cando me apeteza, onde queira e porque me da a gana.

Temos ‘dereito’ a divertirnos ata morrer, berran protagonistas do sucio botellón. Alguén pagará os fígados enchoupados en alcohol. ‘Dereito’ a beber e a vomitar. ‘Dereito’ a Aves que xamais serán rendibles, que pagaremos todos e usarán uns poucos mentres o país segue desvertebrado. “Dereito” a portos duplicados, a triplicados aeroportos liliputienses. ‘Dereito’ a vacacións gratuítas. ‘Dereito’ a festas e paparotas oficiais coa empanada, viño e pulpo subvencionado. Éche unha mágoa que estes ‘dereitos’ oculten outros dereitos cidadáns: unha casa digna que acubille, un traballo para vivir con dignidade, residencias para anciáns que non lles quiten nuns poucos meses de tristura o patrimonio de toda unha vida de austeridade e traballos, o apoio aos dependentes.

Despois de tantísimo ‘dereito’ queda preguntar: quen paga a factura? Eu non, desde logo! Temos o sagrado ‘dereito’ a non pagar impostos. Daquela, que pague o goberno. Si, moitos ‘dereitos’ de Deus, nuestro Señor.

Comentarios