Moito máis ca unha caixa

Os 420 veciños de Parga están convencidos de que a oficina de Abanca ten futuro, non queren perder un servizo que consideran imprescindible e básico para manter viva a zona rural. Na súa loita contra o peche non están sós, séntense avalados polos números actuais e as case sete décadas de historia en común

21 de abril. Esa é a data da que nunca quererían ter oído falar os veciños de Parga. É o día no que Abanca executaría a sentenza de morte sobre a súa sucursal bancaria nesta localidade guitiricense, poñendo fin a unha historia en común que camiña cara ás sete décadas. Chegará a cumprilas?

O 20 de agosto do ano 1950, a Caja de Ahorros Monte de Piedad de La Coruña -fusionada seis anos antes coa entidade homónima de Lugo- abría na vila de Parga a súa primeira oficina rural na provincia de Lugo. Aparte da sede coruñesa e da oficina na capital luguesa, daquela contaba só cunha decena de sucursais, todas na Coruña -Arzúa,Betanzos, Carballo, Cariño, Cee, Curtis, Melide, As Pontes e Ortigueira-, agás a de Parga.

Era o lóxico porque daquela todo pasaba por Parga. A relevancia da súa feira, xunto co importante movemento que se rexistraba na estación de tren da vila nunha época na que apenas se facían transportes de mercadorías polas estradas, outorgáballe un grande atractivo á zona. E a estas xa de por si boas razóns había que engadirlle ademais a proxección do campamento militar de Santa Cruz, inaugurado en 1941 e polo que chegarían a pasar uns 5.000 homes cada ano nas décadas dos 50 e dos 60.

A filosofía era implicarse na comunidade, polo que unha das premisas era que os empregados fosen xente vencellada ao pobo, polo que aínda que inicialmente se desprazou un encargado da Coruña, logo comezaría a traballar nela José Cabado, que estaría ata os anos 70, e Pedro Villarino, que se xubilou a comezos dos 90 logo de un cuarto de século en Parga.

Probablemente, a mellor proba da boa relación entre a caixa de aforros e Parga sexa a aposta por non só ter unha oficina en propiedade, senón impulsar un edificio de seu, que se unía a outras iniciativas a prol da comunidade, coma promover un lavadoiro público nos 60 ou crear un local social neste novo edificio, no que celebrarían diversos actos sociais e culturais, ata que finalmente perdeu uso e se vendeu.

En só unha semana os afectados sumaron múltiples apoios e Abanca fixo unha contraoferta: un peche parcial


Nos máis de 60 anos transcorridos, houbo épocas de maior e menor actividade, aínda que sen dúbida entre os picos positivos sitúanse os anos 70 ou 80, a época da emigración a Europa. A conversión da caixa en banco e os bailes dos últimos anos, visibilizados nas diferentes nomeclaturas -Caixa Galicia, Nova Caixa Galicia Banco ou Abanca- non son alleos á actual situación á que se enfrontan non só os veciños de Parga, senón os de moitas parroquias limítrofes que tamén se verían afectados polo peche.

RESPOSTA VECIÑAL. A incredulidade e indignación inicial por unha decisión inesperada e, din, pouco xustificada, xa que están convencidos de que a oficina cumpre obxectivos, deu paso en apenas unhas horas a unha gran mobilización popular que foi quen de xuntar ao redor de 1.500 sinaturas contra o peche: unhas 800 físicas, en follas repartidas por Parga, e outras 700 online, en só dous días en Change.org.

A notable sensibilización veciñal fronte a este tema tamén conta con apoios dende diversos ámbitos. No pleno de Guitiriz deste xoves aprobáronse por unanimidade senllas mocións de urxencia de PP e BNG en contra da decisión de Abanca, coa idea sobre a mesa de pechar ata as contas municipais, e os negocios de Parga tamén defenden a súa necesaria continuidade para manter vivo o pobo a través dun manifesto.

A rápida resposta veciñal, onde o futuro da oficina é o trending topic de todas as conversas e unha das frases máis repetidas probablemente sexa «o día que se vaia, vou para outro banco», fixo que Abanca tivera que moverse.

Os representantes da entidade acudiron o venres a unha xunta coa directiva da comunidade de montes de Parga, pasando do peche innegociable inicial a ofrecer unha parada a medio camiño: manter o caixeiro e abrir a oficina uns dez días cada mes: tres días a primeira semana, dous días as restantes.

Para algúns, esta oferta é un raio de esperanza, a garantía de seguir tendo un servizo ao pé da porta, aínda que sexa mermado. Para outros, case é unha tomadura de pelo. Defenden o funcionamento ao 100%, cren que calquera outra solución sería un simple parche nunha ferida aberta, sen visos de curación.

Este martes, día 4, ás 20 horas no CIT de Parga, está convocada unha reunión aberta a todo aquel que quiera asistir, para abordar o tema e tomar decisións. Deben escoller entre seguir loitando polo todo, co risco de chegar á nada, ou dar por bo o tratamento paliativo, confiando en que abonde para alongar indefinidamente a existencia da entidade.

Comentarios