Moito máis ca un apelido

Máis dunha década de investigación, miles de documentos sobre a fidalguía e moito interese «por coñecer e deixar constancia para o futuro -e para os que teñen a obriga de coidalo- do patrimonio cultural chairego» son os eixes que deron pé o libro ‘Os Olano: de Zaldivia a Vilalba. Cartas executorias da fidalguía e limpeza de sangue de 1772’, do que é autor o historiador vilalbés José Luis Novo Cazón e que o Iescha presentará este venres, ás 20.30 horas, na casa da cultura de Vilalba.

«No padrón do 1776 están documentadas máis de 50 cabezas de casas fidalgas, que representaban un 2% da veciñanza do antigo condado de Vilalba, que contaba con 35 parroquias -pertencentes hoxe a Vilalba, Cospeito, Xermade, Begonte e As Pontes-» explica Novo Cazón, polo que a bo seguro esta primeira obra terá continuidade: «As entregas máis adiantadas son a dos Raña e a dos San Tomé, que se estenderon por moitos e variados lugares do norte da provincia de Lugo», apunta o investigador.

Ademais desta futura colección, que inauguraría a obra dos Olano, Novo Cazón está a recuperar e a difundir tamén, a través dunha publicación mensual, a historia e os segredos que se agochan tralos pazos da zona, erguidos polos fidalgos ó irense enriquecendo.

O libro amosa dous tipos de documentos, as cartas executorias de fidalguía solemne e a árbore xenealóxica dos Olano dende as súas orixes no século XVII ata a actualidade, con especial relevancia da documentación oficial do preito iniciado polos irmáns Santiago e Manuel Olano no 1764 cos concellos de Mondoñedo e de Madrid, nos que respectivamente vivían, por non quererlles recoñecer a súa condición fidalga. Finalmente, solucionaríase na sala de Hijosdalgo da Real Chancillería de Valladolid no 1772.

Ademais, recóllese «unha ampla introdución sobre a fidalguía galega en xeral e os Olano en particular, dende o seu berce de Zaldibia, no País Vasco. O citado Santiago Olano, trasladaríase a Mondoñedo como recadador de rendas reais, onde casaría cunha rica viúva e teñen un fillo, Tiburcio, pai dunha prole numerosa. O seu primoxénito, Santiago, militar en Venezuela, deixou un fillo, Manuel, que no 1820 casou con Rosa Silva en Vilalba, da familia Silva Villamaior.

Os seus descendentes emparentarían cos Basanta, os Santamarina ou os Carreira e moitos deles ocuparían postos importantes na sociedade vilalbesa, coma Andrés Olano Silva, notario en Vilalba na segunda metade do século XIX ou Andrés Basanta Olano, alcalde en dous periodos, dende o 1891 ata o 1921. O seu legado chegou a actualicade vencellado á familia Pena, que aínda conserva unha casa no casco histórico vilalbés.

Comentarios