Moderno ou posmoderno?

En 1979 LYOTARD escribe ‘La condición posmoderna’. Desde entón abriuse unha polémica para tratar de clarificar se aínda estamos no período moderno ou se xa o superamos e entramos na posmodernidade. Moitos consideran esgotados e caducos os esquemas da modernidade, especialmente os derivados da Ilustración. A frustración ante ideais perdidos e a necesidade de novas expectativas tentaron abrirse paso pregoando unha nova época.

En ‘Nosotros, los modernos’, Alain Finkielkraut analiza o significado da modernidade dende o século XXI ofrecéndonos interesantes matices. Destaca a influencia do coñecemento -en especial do científico-, a importancia da acción que terá como finalidade a (re)construción do mundo e reflexiona sobre como afectou ao século XX e aos comezos deste XXI. Tal parece que a modernidade aínda non feneceu, dende logo non esta tan morta como algúns pretenden.

Finkielkraut inicia a súa mirada tratando de situar a orixe do home moderno e establécea nun autor case esquecido hoxe, Pico de la Mirándola, quen en 1482 reescribe o relato do Xénese subliñando que Deus creou ao home para que houbese alguén que puidera admirar a súa obra e, tras facelo dunha forma indefinida, faloulle así: -«Non che demos ningún posto fixo, nin unha faciana propia, nin un oficio particular, Oh Adán!, para que o posto, a imaxe e os empregos que desexas para ti os obteñas e posúas pola túa propia decisión e elección»-.

Sitúa así a orixe da modernidade nesta relectura do Xénese na que o home se independiza de Deus. Esa independencia vai supoñer, tamén, que queda só, desvalido. O home moderno ten que facerse a si mesmo e, á vez, ten que facer o mundo, pero non sabe moi ben como ao non ter un guía. Non era así para o medieval, home fundamentalmente relixioso que tiña xa estipulado o que debía facer: o mesmo que o resto das criaturas, debía glorificar a Deus. A novidade de Pico de la Mirándola consistiu en liberarnos desta esixencia glorificadora e, ao perdela, perdemos as ataduras coas tarefas que implicaba: ter que obedecer permanentemente o que Deus mandaba (as máis das veces a través dos seus ministros ou intermediarios).

Ao quedar desvalido, este home moderno, non é nada. Se o home antigo era fundamentalmente ‘natureza’ e o medieval ‘crenza’, agora todo se perde, pois nin se recoñece como un ser natural, nin como un ser glorificador. Neste quedar só consiste a radicalidade da modernidade. Se non somos nada, que somos? A resposta a esta situación vai chegar da man de dous pensadores que establecerán o punto de inflexión dos novos tempos.

Un será Francis Bacon, con el a modernidade deixa de lado a autoridade e o natural adquire unha inocencia orixinal, que lle vai permitir (re)modelar o mundo á imaxe e semellanza do propio home, e rematará no ideal de progreso, que procurará, entre outras cousas, o acceso lento -penoso ás veces- ao coñecemento.

O outro pensador é René Descartes, quen non satisfeito co que lle transmitían os legados do pasado, decide aprender no ‘gran libro do mundo’. Crea un novo método de traballo e a partir del preguntarase e preguntará á realidade como funciona; a construción do coñecemento deslígase do pasado e da revelación.

A modernidade culmina na Ilustración, onde o home se fai autosuficiente, ‘maior de idade’ na célebre expresión de Kant, liberado de titores e confesores. O home moderno é o que el mesmo fai de si mesmo, seremos o que queiramos ser, coa única condición de que o fagamos.

Pola contra, o home posmoderno trala perda dos metarrelatos vólvese ecléctico, acepta calquera idea ante a incapacidade de sopesalas, a realidade tórnase líquida ante el (Bauman), móvese continua e indefinidamente, faise volátil -por usar un termo financeiro, xa que tamén el mesmo acabará cotizando nas bolsas de valores a través dos xigantes informáticos que mercadean cos seus datos persoais-. O cambio convértese no seu elemento constituínte, pero carente agora de metas, e trastócase nun cambio compulsivo ao que só lle importa moverse, aínda que só sexa en círculos. O subxectivismo imponse, o que descualifica as certezas e a razón deixándonos ante a intuición e o azar.

A posmodernidade é sedutora (Lipovetsky), fainos consumistas e hedonistas, todo nace fenecido -modas, obsolescencia programada-. A virtualidade substitúe á realidade: imaxes, plasmas, teclados e conexións wifi estrutúrannos. O noso pensamento é analizado pola enxeñería social, e a nosa realidade, incluso a física, é virtualidade programada que analiza o que queremos ou o que podemos necesitar, se é que hoxe hai diferencia entre ambos conceptos. Entramos entón no reino da confusión, no que as palabras xa non significan o que significaban, senón que ocultan o que non queremos que se exprese mentres falamos.

Así, para algúns, tras observar este proceso é difícil definirnos, nin deixamos de ser modernos nin somos aínda posmodernos. Xorde a dúbida aínda con máis virulencia cando pensamos no Presidente de Goberno: chegou á Moncloa prometendo que faría as cousas «como Deus manda», que faría «O que sempre se fixo e o que se debía facer». Tras este tempo de goberno só se nos mostra virtualmente, ‘plasmático’, repetindo o seu discurso como nun replay: estamos a facer as cousas «Como sempre se fixeron», «Como está mandado», «Como Deus di». Onde situalo, é moderno ou posmoderno? As súas verbas terán un sentido oculto?

Comentarios