Lunes. 18.12.2017 |
El tiempo
Lunes. 18.12.2017
El tiempo

Moda e cultura

A reseña da semana é sobre 'Breve historia del traje y de la moda', de James Laver, edición de Cátedra

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ERAN OS gloriosos 2000 e a José Luis Rodríguez Zapatero non se lle ocorreu cousa mellor que poñer de ministra de Cultura a Carmen Calvo, agora coñecida polo seu papel na aplicación do 155 a Cataluña. A señora sabería moito de Dereito Constitucional, a súa especialidade, pero de cultura, pouco e tivo algunha saída de pata de banco.

Dende a miña perspectiva retrógrada o peor foi a súa loita porque se considerase a moda ‘alta cultura’ ou ‘cultura’ a secas e no máis estrito sentido da palabra. Aquilo para min rematou nunha discusión en Córdoba que os meus amigos lembran entre divertidos e asombrados aínda a día de hoxe.

Que lle queren, téñolle manía á moda. Non me gustan os hábitos de ningún tipo porque non fan o monxe e son desas persoas que viste co que queda por riba nos caixóns e atende só a unha elemental combinación: non poñer camisa negra con chaqueta azul ou viceversa. Pero un ten que loitar contra os seus prexuízos e para iso nada mellor que a Breve historia del traje y la moda, de James Laver, todo un clásico que reedita Cátedra co seu habitual agarimo.

O  libro  aparece  claramente  dividido  en dúas partes: a visual e a expositiva. En canto á primeira, a calidade e o valor explicativo das imaxes é enorme. Sen poñer nin un ollo no texto podemos entender a evolución da vestimenta humana grazas a esculturas, gravados, cadros, fotografías e bocexos. A selección é excelente dende a mesma portada, o retrato de Madame Récamier pintado a principios do século XIX polo francés François Gerard.

En canto ao contido, hai que facer unha observación previa. Todos aqueles que somos afeccionados ou escritores de obras con vocación universalista sabemos da tendencia á expansión da materia a historiar. Dito con outras palabras, os 25 primeiros séculos da historia cultural da humanidade pódense resumir con certa facilidade, xa que moita da información desapareceu por diferentes razóns. Pensemos que Sófocles escribiu unhas setenta obras e que delas conservamos só sete. Pero cando chegamos á explosión nacionalista e cultural marcada polo Romanticismo a materia multiplícase de xeito asombroso. Así, Laver lle dedica 21 páxinas á roupa na Idade Media e 26 ao período que vai de 1900 a 1939. E ao lector non o impresiona tal cousa.

Unha segunda observación ten que ver co apéndice sobre o traxe en España que escribe Enriqueta Albizua, tradutora da obra. Non carece de interese, pero por principio eu opóñome a capítulos chauvinistas de calquera tipo en obras de vocación xeral. España marcou a moda nos seus Séculos de Ouro e posteriormente pasou a ser estación de chegada para as innovacións francesas e inglesas. Así debería quedar o asunto.

Para entender por completo as exposicións de James Laver é recomendábel ter formación previa ou moita afección. A partir da Idade Media comeza o uso de termos técnicos que, se se descoñecen, dificultan a lectura. Obviamente e con bo criterio a tradutora non anota todas estas voces de uso pouco común e mesmo opta por non traducir a maior parte  dos tecnicismos por non ter exacta equivalencia en lingua castelá. A outra opción para o lego na materia é ter o dicionario ou unha enciclopedia a man.

Podería pensarse tras estas explicacións que estamos ante un libro complexo ou que non paga a pena. Nada máis lonxe da realidade: James Laver consegue facer ciencia e historia co traxe e a moda —non só vestidos, senón peiteados ou alfaias— e asemade entreter o lector coas anécdotas derivadas do tema. Moitos comparten os prexuízos que eu mesmo expresei ao comezar e o autor consegue espantalos e contribuír a que entendamos dende unha perspectiva histórica o que agora mesmo, guste ou non, é unha parte fundamental da nosa civilización.

Moda e cultura
Comentarios