lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

Moca e mordaza

DESDE O advimento do réxime democrático, todo o mundo sabe que é necesario regular a convivencia pacífica, incluida a sua dose de discrepancia, en todos os ámbitos, mesmo na rua. Os que xa teñen idade, coñecen perfectamente o que isto significa, por comparación coa anterior situación, e aqueles que naquel tempo tiveron ocasión de viaxar fóra, puideron criar o pasmo vendo o control de manifestantes no centro de Londres, a base de empuxóns alternativos de policias e discrepantes, unha especie de ‘melé’ do rugby, e contrastalo co que acontecía no solar hispano: cargas a cabalo a toque de cornetin. Onde non, unha rápida consulta de hemeroteca, pode resultar moi ilustradora da información en materia de orde pública, con aquelas estarrecentes gacetiñas que explicaban que ao resultar ameazada a forza pública, virase obrigada a efectuar varios disparos intimidatorios ao ar, como consecuencia dos cales resultaran mortos, ou feridos de bala, os correspondentes ‘paisanos’.

Pero agora o goberno prepara unha lei, que chama non se sabe moi ben por qué, ‘de seguridad ciudadana’, da que xa se filtraron dados arrepientes, como un cadro de sancións con multas -en borrador programático-, de entre trinta mil e seiscentos mil euros, as máis graves, seica en perfecta sintonia coa situación económica do país. Bastaron unhas protestas, fortes e ruidosas, pero sen chegar a crear situacións perigosas, para que o devoto ministro atopara a solución ideal para resolver non o problema, que é a situación de anguria na que vive unha parte da poboación, senón os síntomas e, ao mesmo tempo, facer caixa. Xa só queda nesa volta ao pasado, instalar picotas nas entradas das vilas e cidades, ou recorrer a métodos inquisitoriais como o cinto de San Erasmo, por aquilo de percurar salferir as sancións coa aura da bendición.

Por seguir coa alusión do comezo, a primeira vez que visitamos Londres, hai xa moitos anos, un folleto turístico advertía de que a prohibición de aparcar en determinados lugares, sinalados nas imediacións dos museos Victoria e Albeeto e no de Ciencias Naturais, que están moi próximos, implicaba unha sanción que, naqueles xa lonxanos anos, nos pareceu certamente competente, tanto como o eran os redactores da guía, dirixida aos visitantes de España e antigas posesións de ultramar. Haberá que agardar dos seus homologos españois de hogano, que en inglés fagan a mesma advertencia, por se algún ocasional ou despistado visitante, na percura de emocións fortes e exóticas, se arrisque a acercarse tanto a calquer manifestación como para dar ocasión de ser imputado por mirar mal a algún dos portadores de porras ou tonfas. Sabemos que o goberno ainda manexa un borrador, que sempre ten un aquel de globo sonda, pero coñecendo ao titular de Interior, nada nos estrañaria que intentara unha dosificación coa concesión de algunha indulxencia plenaria, naturalmente previo pago da sanción correspondente. Á coñecida afirmación, atribuida a Narváez de que tranquilidade ven de tranca, o señor Ministro engadiulle, como corolario, meterlle as mans nos petos aos desafectos.

Moca e mordaza
Comentarios