Mitos

galimbertiADE1901P72F2.JPG
photo_camera galimbertiADE1901P72F2.JPG

XA LEVAN un tempo aturándome nestas páxinas, pero penso que aínda non lles contei, de verdade, a que se dedica un crítico coma min para poder chegar a escribir o mesmo sobre política que sobre relixión. Cando era investigador literario eu dedicábame ao mito, que vén a ser ponte para analizar practicamente calquera tema ou disciplina. A miña tese doutoral, non finalizada aínda, trata sobre o mito e, máis en concreto, sobre os relatos míticos que envolven a Satanás.

Uns dos problemas metodolóxicos máis importantes que temos que afrontar os investigadores sobre o mito é o terminolóxico. Porque un mito son Messi, Marilyn, Prometeo e Nacho Vidal. Cada un no seu. E o uso da palabra para referirse a persoas soslaia o feito de que un mito é, fundamentalmente, un relato que ofrece unha explicación ben sobre a inexplicábel inmensidade do cosmos ben sobre os costumes dunha determinada tribo (recoñezan comigo: aínda non saímos do estado tribal).

A última vez que fun á sede deste xornal os compañeiros puxéronme na man ‘Los mitos de nuestro tiempo’, de Umberto Galimberti, e cunha ollada ao índice abondoume para saber que había materia para o análise. Puiden superar así as reticencias iniciais provocadas por unha portada un chisco extravagante, na que unha Kate Moss con porte de Venus de Milo toma unha postura de ioga, e polo feito de que, culturalmente, os italianos adoito son bastante chauvinistas. Os ensaios están pragados de referencias a investigadores transalpinos malia que, dende Giambattista Vico, só Croce pode reclamar certa presenza na Historia da Filosofía. Mesmo a imprescindíbel ‘Historia do pensamento filosófico e científico’ de Reale e Antiseri, obra en tres volumes que recomendaba aos meus alumnos para desasnalos en todo aquilo que non eran letras puras, está contaminada por capítulos italianos en verdade innecesarios.

Kate MossUmberto Galimberti é un fenomenólogo, o que se pode apreciar dende o mesmo principio da obra e, sobre todo, nun moi longo capítulo sobre a loucura. Non sendo un mitólogo nin un teórico da literatura ou a cultura, o que sucede co seu uso da palabra mito non é moi difícil de adiviñar: unha bandeira de enganche comercial que abre a porta ao tratamento de estereotipos, enfermidades ou ideas, nunha mestura que contén moitas suxerencias interesantes pero moi pouco sobre mito. Imos deixalo en que titular un libro facendo referencia á historia das ideas ou a Arthur Lovejoy e Peter Watson non é moi comercial, e Galimberti pasa por ser en Italia, como di a solapa da cuberta, un autor de ‘bestseller’.

Ser un autor moi vendido, neste caso, non transformou ao interfecto nun escritor banal. ‘Los mitos de nuestro tiempo’ repasa cuestións cardinais para a construción dunha alternativa filosófica nun mundo de baleiro cultural que camiña cara a extinción do etnocentrismo, eixo intrínseco da forma de pensar que occidente estendeu dende hai séculos. Con tal cantidade de materias encol da mesa, resulta comprensíbel un tratamento desigual. O apartado de ‘Mitos individuais’, que acolle estudos sobre o poder, a felicidade, a moda ou a intelixencia, está moi orientado cara a tendencias psicolóxicas contemporáneas. Na moda, por exemplo, hai moito Roland Barthes e moi pouca Kate Moss. Isto é, moita reflexión sobre como o vestido fai ao home, obviando o feito de que moitos distinguen (distinguimos) entre o vestido e o disfrace, e facemos un uso pragmático do vestido, que en esencia serve para taparse coma lles servía aos primeiros sapiens sapiens, e o disfrace que non fala da nosa identidade senón do noso rol.

Máis incomprensíbel resulta a defensa de Howard Gardner e a atención ás novas intelixencias, que colisiona estrondosamente cunha posterior reivindicación do valor da educación humanista, segundo Galimberti imprescindíbel para vivir sen conflitos cidadáns... e que está moi lonxe de poder ensinarse fomentando a intelixencia «sintética», «creativa» ou «disciplinar», eses milagres intelectivos que nalgunha parte do camiño na que eu me perdín substituíron o simple método de dar a ler bos libros e explicalos con mestría cando algo non se entenda.

Paradoxalmente, cando o autor abandona a súa fenomenoloxía e disciplinas afines como a psicoloxía ou a psiquiatría, eliminando así de paso as características sutilezas semánticas e as referencias a Heidegger, a obra faise moito máis clara e atractiva, mesmo cun ton de manifesto desesperado nalgunha ocasión que non lle acae nada mal. É a parte de ‘Mitos colectivos’, pouco axeitado nome para os estereotipos e universais manexados polos intelectuais occidentais.

Nesta segunda metade desfilan fronte a nós os principais problemas das nosas sociedades e daquelas ás que oprimimos. Matino que, por ser italiano, Galimberti podería ter exemplificado o mito do crecemento facendo mención da crise económica europea, co seu paradigma de análise trazado a partires das similitudes co crac do 29. A súa elección é tan diferente coma acertada. En realidade o mito do crecemento non pode sosterse falando daqueles que decrecen dende a abundancia senón falando dos que nin sequera soñan con crecer porque toupan co muro do statu quo occidental. Aquí aparece Mohamed Yunus co seu Grameen Bank, que simboliza a economía coma instrumento para a mellora do home, non coma fin.

En realidade, nas partes que se refiren máis en concreto a asuntos monetarios atopamos de continuo o espírito de Henry David Thoreau: os mitos estudados son creacións ideoloxizadas por completo que sosteñen a posteriori unha enorme farsa, a de que sempre precisamos máis para realizarnos. En realidade, o morador de Walden facíanos ver que podiamos sinxelamente prescindir do superfluo. E para Galimberti moitas cousas poden ser obxectivamente etiquetadas dese xeito. A procura desesperada do benestar material conduce ao homo occidentalis a esquecer o valor da alteridade. Os capítulos finais, sobre guerra, terrorismo, seguridade e raza, xiran sobre o eixo da incapacidade manifesta dos europeos para satisfacer a un tempo os seus desexos materiais e respectar o feito de que para un home nada do humano debería de ser alleo.

Con pezas mal etiquetadas, redundancias que perxudican a unidade do discurso e opinións en ocasións discutibeis, Umberto Galimberti constrúe un relato sobre as feblezas e miserias do noso tempo. Aínda que as partes non sean harmoniosas, o todo ofrece un relato de cosmovisión comprometida que podería transformarse en mito. Só falta poñer por aí a un Epimeteo que abra a caixa de Pandora.

Los mitos de nuestro tiempo

Umberto Galimberti. Editorial. Debate. 480 páginas.

Comentarios