Misioné, Margaride

Na última instancia e máis verdadeira, son as Olimpíadas algo persoal. Cada participante busca ir máis rápido, subir máis alto, lanzar ou mover máis forte e preciso, con efecto individual ou en grupo. A marca ou resultado que dimana é patrimonio,  proeza dos realizadores, podíase dicir que beneficio propio; nun segundo termo quedaría o goce visual de quen contempla e avalía a plasticidade elegante, a sensación de quen se emociona, empatiza cun semellante -quizá máis flexible e proporcionado- que vence ou desafía algunha limitación da especie.

Deportistas e espectadores, ei-lo básico. Bandeiras de estado, himnos, apropiación colectiva das medallas son aspectos sobrevidos, estimulados e, desde logo, políticos. Xaora, a preparación dos Xogos é proceso caro, boa parte dos fondos veñen do imposto que pagan os cidadáns e algún mérito cabe logo atribuírse; por outra banda, ese gusto de compartir éxito, a solidariedade nacional, sentido da proximidade ou veciñanza implican tan inevitable coma positivamente.

En Pequín (ou Beixín) 2008, o medalleiro e diplomatura galegos recaen en mozos e mozas cuxa aparencia denota esforzo, sacrificio, pero tamén o Estado de Benestar conquistado nas tres últimas décadas. Unha grande maioría son das Rías Baixas, a parte inequivocamente máis próspera e activa no país; practican sobre todo no mar e a auga, algúns tamén corren. Nun tempo era de Lugo a luz máis brillante en piragüísmo, salientaba así mesmo nas disciplinas atléticas. É tempo non moi remoto, algúns dos protagonistas viven canda nós.

Nos anos cincuenta e sesenta do século XX, o benestar social non era parcela substantiva da gobernación; para o rapaz de ámbito humilde, nunha rúa popular do casco vello, traballo duro sen máis sería a expectativa honesta máis probable. Se facía deporte e escollía piragüísmo, padexar e padexar no Miño, traballo físico elemental, padexo e máis padexo. Acadar medalla de prata en Montréal, bronce en Moscova e aínda un sexto posto con diploma en Los Ángeles tiña un mérito difícil de encomiar. Coma o do nacido algo máis tarde na Pontenova, derrubado no 92 por unha trombose en Budapest e, aínda con esas, bronce paralímpico en Sydney.

Baten no prestixio do deporte dopaxe e outras lacras. Aínda así, Lugo debe celebrar que fose a Pequín Alessandra Aguilar. Canto ao demais, a escola primaria debía difundir principios ben indispensables, o mérito grande e persoal dos nosos conveciños. Citius, altius, fortius. Misioné. Margaride.

Comentarios