Miroume mal

SEGURO que todos temos algunha experiencia que contar relativa, e mesmo imputable, á irracionalidade ou aos prexuízos. E, por suposto, nos máis diversos e variados eidos da actividade humana, e tamén naqueles que deberían estar excluídos destas chatas. Pero o máis curioso é que o nível de adesión aos dislates acada verdadeiros records, até o ponto de pasar desapercibidos.

Vivimos nun tempo de desgrazas e calamidades naturais ou provocadas, como foi o caso recente do atentado que tivo lugar en Oslo. E, na percura de información novidosa, a calquer atusmón próximo aos acontecimentos, ofréceselle a posibilidade de pasar á historia a través dun retallo de prensa, que poderá enmarcar ou ensinar ás visitas que, inopinadamente, aparezan polo salón ou a cociña da casa. O tremendo atentado foi un verdadeiro arrepío para a sociedade norueguesa e para a comunidade internacional. A sua análise subscita moitas dúbidas e comentarios de todo tipo, entre eles aqueles relativos a actuación policial e dos servizos de información, un eido moi entrambilicado sempre, e moito mais nun país onde os dereitos ciudadanos son obxecto de especial cuidado e agarimo por parte daquela avanzada sociedade e, xa que logo, do ordenamento xurídico vixente.

Pero, velaí, sen lixar o máis mínimo nen os costumes nen as leis, un conacional noso que vive naquelas lonxanas terras do norte, tivo oportunidade de divisar, de mirar, ou de observar, ao responsable da matanza cando, hai algún tempo, vivía na sua veciñanza. Nunca falou con el, faltaría máis, pero con toda sinceridade e contundencia afirma que non se viu sorprendido pola nova, porque el xa sabía que antes ou despois tal cousa ía suceder. Non porque dispuxera de datos e análises relevantes procedentes de técnicas de seguimento e investigación, senón sinxelamente pola fasquía e, concretamente, pola mirada. Interrogado polo xornalista sobre se tiña pinta de tolo, o augur di que non, pero iso si: miraba dun xeito un pouco raro, e desa mesma característica deduce que actuou por motivos ideolóxicos. Só falta que o público entoe o «evvica la maga» como lle cantan a Ulrica na ópera verdiana.

Descoñecemos se existe algunha variedade siquiátrica dentro da oftalmoloxía e, por conseguinte, a capacidade intuitiva de percatarse a simple vista dos desordes mentais dos nosos conxéneres. Inclinámonos mais ben a pensar que o segredo de tamaña capacidade cognitiva, debe residir no propio suxeito que é capaz de ir alén da sinxela apreciación da cor dos ollos ou da tenrura ou dureza da mirada, ou sexa de penetrar nun mundo moi esvaradizo, agás para a poesía. Algo diso saben os xulgados deste noso país, porque en moitos casos de desgrazas mortais, por xenreiras, por lindes, por herencias ou por ciumes, como compoñente engadida figura moitas veces aquilo de «miroume mal». Cando non é un dos motivos principais da iniciativa violenta.

Comentarios