Mirando atrás, sen ira

Aos oitenta e dous anos Augusta Silva lembra con nostalxia os tempos nos que se reunía toda a familia; eran tantos que mesmo tiñan que comer no chan. De feito, froito do seu matrimonio cun obreiro dunha fábrica de tecidos, deu a luz nada menos que a dezasete fillos. Para unha muller que tiña que sachar no campo e lavaba a roupa no río o traballo físico tiña que ser esgotador; pero non era menor a preocupación por levar algo que comer á boca de tantos nenos; hoxe declara satisfeita que sempre tivo un prato de sopa para cada un. Sempre que se fala destas familias super-numerosas se intenta transmitir a idea de que os traballos e privacións que conlevan se ven compensados pola alegría de compartir entre tantos. Pero para dona Augusta non todo foi felicidade. Na actualidade, algúns de aqueles fillos xa non se lembran da nai, e ela sinte a ferida do esquecemento. Pola contra, de boa gana borraría da súa mente as malleiras que lle daba o marido; ela di que de cando en vez, Deus sabe con que frecuencia. Podemos dicir que é unha auténtica sobrevivente, un exemplo de aqueles tempos nos que aínda había familias tan numerosas, segundo unha moralidade católica que viña a reclamar santidade da fertilidade e a considerar pecado venial que os homes bateran nas súas parellas. Curas como o párroco de Canena, en Córdoba, predicaban e aínda predican a mulleres como Augusta Silva (ela confésase devota) unha mensaxe de submisión e resignación. O entón bispo de Córdoba (posteriormente ascendido a arcebispo) manifestou no seu día que a violencia no fogar non xustificaba unha nulidade matrimonial. A muller non tiña escapatoria desde esta postura doutrinal; malia que, co paso do tempo, outras voces dentro da igrexa adoptaron ideas máis compasivas e humanas. Moito máis decisivo foi o proceso emancipador da muller dentro da sociedade civil. Incorporada á vida laboral, e apoiada polo entorno familiar e as institucións, acabou por plantar cara aos verdugos. Claro que estes últimos momentos da batalla están sendo dolorosos; algúns varóns, pouco valorosos en outros ámbitos, sacan o peor que levan dentro e defenden a súa supremacía como cuestión de vida ou morte; e matan, e mesmo morren no intento. Semella que o patriarcado mantén toda a súa vixencia na nosa sociedade, como demostran algunhas figuras públicas en canto se descoidan e se afastan do discurso hipócrita que levan preparado. Pero a proba de que as cousas están a cambiar é que figuras como a de dona Augusta son irrepetibles.

Comentarios