sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Miragres

O SEÑOR Maduro, presidente da República de Venezuela, asegurou que o rostro do seu predecesor na máis alta maxistratura do Estado, señor Chávez, apareceu durante as obras de excavación para a construción duha liña de metro, na capital. Propiamente, el non viu o insólito espectro, senón que lle foi mostrado por un traballador, que tirou unha fotografía utilizando o seu teléfono móbil. Pero o actual presidente doulle creto ao fenómeno, e concluiu que o señor Chávez está en todas partes, mesmo en fenómenos que non teñen explicación.

Naturalmente, a nova púxose axiña en relación co precedente do sonado paxariño parlante, que lle servia de transmisor ao seu predecesor, coa lóxica rexouba. Curiosamente, ninguén exhumou o fenómeno das chamadas caras de Bélmez, un suceso dos primeiros anos setenta, consistente na aparición dunhas figuras, aparentemente caras, no chan dunha casa de aquela localidade andaluza, e que foi a orixe dun verdadeiro fenómeno socioloxico. Correron rios de tinta e acadáronse cuotas de pantalla televisiva homologables ás do fútbol. E non hai tanto tempo, quere decirse que non estamos falando da época da raiña Isabel II e sor Patrocinio, a monxa das chagas, quen entre outros moitos prodixios chegou a falar cun Cristo, que aparecia en vera efixie nun retrato pendurado da parede, o que quizais foi trasunto do sonado relato do árdigo falanxista Sánchez-Silva. Por iso que no tocante a miragres e santeria variada, cóntase cunha aboenza moi sólida e arraizada.

Pero se da lonxanía ultramariña pasamos á proximidade celtibérica, e das peculariedades dos ancestros á actualidade máis premente, comprobaremos que a confianza nos prodixios e miragres segue sendo un risco definidor. Quizais por iso, os gobernantes imbuidos dun coñecimento e dunha sagacidade sociolóxica mais que notable, ou mercé ao asesoramento dos seus gabinetes, seguen anunciando verdadeiros portentos, coma quen entrega un agasallo, isto é envoltos en celofán. Velaí o ministro de Facenda, señor Montoro, que adobía os seus prometedores presentes coa retórica poética propia das boas novas: non só se ve luz ao remate do túnel da crise, senón que xa se divisa a saída. Ben é certo que neste país sempre conviviron os mansos crentes, cos máis ríspetos escépticos, sen que a facundia ministerial axude moito. Uns días antes afirmou que os salarios están medrando moderadamente, en contra dos cálculos do Instituto Nacional de Estatística. E, contra o que podería pensarse, cun grande éxito para os miragres anunciados, posto que o Centro de Investigacións Sociolóxicas certifica a subida dun ponto na intención de voto do partido gobernante, contando quizais co adubo gubernamental, ainda que hai quen cre na resurrección de aquel espirito popular que, en tempos tamén convulsos, atinou a expresar co de «¡Vivan las cadenas!» .

Miragres
Comentarios