miércoles. 05.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 05.08.2020
El tiempo

Mirade os lirios do campo

LEMBREI, ao ler que a unhas monxas de clausura de Zaragoza lles roubaran millón e medio de euros, as palabras de Cristo que recolle o evanxeo de San Mateo: «Non vos preocupedes polo día de mañá (…) mirade os lirios do campo, non traballan nin fían, mais dígovos que nin Salomón en toda a súa gloria vestiu coma un deles».

Ao amparo dos votos de pobreza e obediencia, moitas comunidades relixiosas amasan verdadeiras fortunas. O primeiro reduce os gastos ao mínimo, o segundo deixa en mans de quen goberna as decisións relativas á administración do aforro. A superiora, ou a abadesa se é o caso, e o consello directivo se é que existe, seguramente non someten á opinión do grupo as cuestións pecuniarias. Así elas, as monxas de a pé, dormen coa conciencia tranquila, convencidas de cumpriren unha misión evanxélica, cando a realidade pode ser moi outra.

Non se entende que coas necesidades que hai no mundo, cerca e lonxe, á luz do principal dos mandamentos, o do amor que necesariamente se ten que traducir en solidariedade, mulleres que pretenden seguir a Cristo deixen engordar até tal extremo as bolsas de lixo nas que, disque, gardaban os euros.

Mais sería inxusto estender a sospeita a todos os conventos e mosteiros. Coñezo congregacións relixiosas que programan os gastos imprescindíbeis para subsistiren e entregan o resto dos seus ingresos a causas sociais, no que elas chaman comunicación de bens. E tamén sei de monxas de clausura que sobreviven con dificultade e, aínda así, teñen a porta aberta aos pobres.

Seica a principal fonte de ingresos do mosteiro cisterciense de Zaragoza son os cadros de Isabel Guerra, unha pintora moi cotizada que forma parte daquela comunidade. Non sei se ela era coñecedora do destino do que ela gañaba. Tampouco sei se o roubo e as críticas que están a recibir a levarán a reflexionar, a ela e ás súas compañeiras, sobre o pouco edificante da súa conduta. Se cadra si. Se cadra decláranse en rebeldía e esixen que muden as cousas.

Hai xa ben anos, unha coñecida miña, relixiosa nunha congregación dedicada ao ensino, propuxo o reparto dos colchóns que ateigaban o faiado do convento entre familias que os precisaban. Dixéronlle que era comunista. Ela respondeu que, antes que todo, quería ser cristiá e que, para iso, tiña que ser humana. Hoxe está casada, ten fillos e netos, e asegúrolles que é ambas cousas.

Das monxas xansenistas de Port-Royal escribiu monseñor Péréfixe, arcebispo de París, que eran puras coma anxos e soberbias coma demos. Moi posibelmente as de Zaragoza tamén son puras, obedientes e, a nivel persoal, pobres. Mais, quen as goberna, certamente non leu ou non entende o Evanxeo. Soberbias talvez non sexan, pero culpábeis de non faceren preguntas, si. A entrega a Deus non xustifica deixar a conciencia en mans da superiora.

Mirade os lirios do campo
Comentarios