martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

Mini e Mero logran o Pedrón de Ouro

O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou conceder o Pedrón de Ouro 2009 aos músicos Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias (Mini e Mero), fundadores de Fuxan os Ventos e actualmente integrados en A Quenlla, pola súa traxectoria como músicos, pedagogos e investigadores da tradición oral. Ademais, decidiu outorgar o Pedrón de Honra 2009 á filóloga romanesa Mariana Ploae-Hanganu, polo seu labor de difusión la lingua e literatura galegas no seu país.

O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida.

Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura. O acto destos galardóns terá lugar o próximo 24 de maio nun acto literario que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón.

Pedrón de Ouro
Xosé Luís Rivas, Mini (Begonte, 1951) e Baldomero Iglesias, Mero (Vilalba, 1951), foron distinguidos co premio Pedrón de Ouro pola súa traxectoria como músicos e polo traballo realizado desde 1972 para recuperar e transmitir o patrimonio oral de Galicia. Estes dous musicólogos, intérpretes e investigadores da nosa música popular, foron promotores do colectivo Fuxan os Ventos do que formaron parte durante 10 anos.

En 1984, fundaron o grupo de música tradicional A Quenlla, ao que pertencen actualmente e co que levan editados 10 discos e co que promoveron proxectos contra a drogadicción e monográficos. Como mestres anovadores, desenvolveron múltiples actividades consonte á renovación pedagóxica, integrados no entorno rural no que imparten a docencia. Así, son autores de materiais musicais e literarios, contos, lendas, poemas discos e refráns, libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario.

Paralelamente levan corenta anos desenvolvendo un inmenso traballo de investigación musical a través de toda Galicia, pero especialmente pola súa Terra Cha natal e polas terras de Boimorto e Mesía, onde exercen a súa profesión de profesores, en busca de persoas dispostas a compartir a súa sabedoría popular.

Todo este material, por eles recollido en miles de cintas magnetofónicas, foille cedido ao Museo do Pobo Galego para ser dixitalizado e pasar a formar parte do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que moi pronto estará dispoñible na páxina web do Museo.

Pedrón de Honra
Mariana Ploae-Hanganu, profesora da Universidade de Bucarest e Investigadora do Instituto de Lingüística da Academia Romanesa en Bucarest, vén realizando, desde hai moitos anos, un gran labor de difusión en Romanía das linguas e literaturas portuguesa e galega.
Autora dun manual de fonoloxía portuguesa para estudantes romaneses e de traballos sobre o ensino deste idioma, publicou diversos traballos sobre os crioulos portugueses. Outra da súas liñas de investigación é a literatura portuguesa, con traballos sobre MourÆo Ferrreira, Vasco Cabral, Eugénio de Andrade ou Machado de Assis.

A finais dos 80 comeza a preocuparse polo estudo da lingua galega. En 1989, participa en Santiago de Compostela no XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románica e publica en revistas de Romanía traballos sobre o vocalismo do galego; e en 1994 participa en Oxford no IV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, cun relatorio sobre as sibilantes do galego e do romanés.

Na década de 1990, publica traducións da prosa de Castelao e de Méndez Ferrín e poesías de Celso Emilio Ferreiro e Cunqueiro, acompañadas dunha introdución biobibliográfica de cada autor. Nos últimos anos, Mariana Ploae-Hanganu estivo traballando na tradución de toda a prosa literaria de Castelao ao romanés.

Mini e Mero logran o Pedrón de Ouro
Comentarios