Milesios e Daniel Díaz editan un libro-CD inspirado nas viaxes cotiás

O traballo discográfico 'Indoevindo' inclúe 14 pezas e unha colección de fotografías
Milesios, no retrovisor, e foto elixida como portada do disco
photo_camera Milesios, no retrovisor, e foto elixida como portada do disco

O grupo de música tradicional Milesios e o artista plástico Daniel Díaz Trigo, ámbolos dous con raíces en Castro de Rei, uniron forzas para darlle forma ao libro-CD Indoevindo, un traballo musical e fotográfico inspirado nas viaxes do cotiá que sairá á luz en breve e do que xa se pode ver ou escoitar un pequeno adianto nas redes sociais ou no servizo de música dixital Spotify. 

Cunha tirada inicial dun milleiro de copias, os membros de Milesios –Maite Veiga, Marta Portela, Noelia Fersán, Paula Veiga, Senén Montero, Manuel María Veiga e Manuel do Moucheiro– amósanse moi ilusionados con este novo proxecto, no que se recollen 14 temas, entre os figuran pezas tradicionais e composición propias, así coma unha pista máis experimental. Catro son cantadas, entre elas a adaptación dun poema de Manuel María. 

A idea da viaxe está presente en todo o disco, e como proba a obra orixinal que o inaugura, ‘O Valado’, peza elixida como single para as radios e inspirada nesa "imaxe moi típica" que se pode ver dende a ventá do coche en calquera desprazamento por Galicia. 

A composición orixinal O valado é o tema elixido como single do disco, do que xa se poden ver dous vídeos nas redes sociais

O traballo tamén está concebido coma unha actuación de Milesios: "As once primeiras prezas son coma un concerto", explican, mentres que a número doce é un agasallo sonoro que trata de representar ese ‘run-run’ que un leva na cabeza cando se sae dese recital e se volve a casa. "Son sons gravados por Daniel, mesturados con sons do disco, coma se remoeses o concerto", precisan, ao tempo que aclaran que a xota e a muiñeira finais son "a propina", ese bis que non pode faltar. 

Todas esas notas musicais compleméntanse cunha colección de instantáneas de Daniel Díaz Trigo, mestre e artista que xa fixera o deseño gráfico do anterior disco de Milesios, Alén mar (2013), polo que quixeron repetir experiencia. Porén, unha conversa levou a outra e así, por casualidade, descubriron que a idea musical do grupo tiña moito que ver co proxecto fotográfico Commuter –en inglés, persoa que viaxa a diario para ir da casa ao traballo–, no que Daniel estaba a traballar, con imaxes das viaxes que fai de Lugo a Castroverde, para ir dar clase ao colexio, ou para visitar á familia na Terra Chá. 

"Encaixaba en moitas facetas, creamos unha atmósfera común a partir dese espírito do ir e vir e así foi tomando forma o libro-CD", explica Daniel Díaz, que conta que as súas imaxes, "todas feitas dende o coche e con carrete", son "esas fotos que ninguén fai, pero que están dentro da túa vida" ao recoller eses espazos intermedios polos que se pasa con frecuencia "que temos na cabeza de tanto velos", pero aos que non sempre se lles presta atención. 

Algo similar pasou cos dous vídeos que xa se poden ver nas redes sociais, e que son traballos previos de Daniel, sumados á música de Milesios. "Encaixaban perfectamente", explica, ao tempo que avanza o seu desexo de ir un paso máis alá e poder crear un proxecto audiovisual conxunto, pero esta vez camiñando xuntos dende o inicio. 

Milesios, formación fundada en 2009 e que ten ás súas costas numerosas actuacións en escenarios tan emblemáticos coma o San Froilán ou Pardiñas, agarda que o disco estea na rúa en febreiro. Presentarano en Lugo e logo empezarán a movelo por Galicia.

Comentarios