Mil opcións para pasalo ben

Miguel Ángel Vingolea foi o encargado de crear Vingolea.com Deporte e Animación hai uns oito anos e dende daquela organiza campamentos e colabora en multitude de eventos e actividades
Miguel Ángel Vingolea, no parque Profesor Río Barja de Meira
photo_camera Miguel Ángel Vingolea, no parque Profesor Río Barja de Meira

A diversión non vén de serie con todos os acontecementos. Hai ocasións nas que se debe deixar nas mans dos expertos na materia ese gratificante traballo. Vingolea.com Deporte e Animación é a empresa nacida da man de Miguel Ángel Vingolea, capaz de poñer o toque festivo a calquera celebración. E non só iso. Os campamentos que organiza na tempada estival están marcados en vermello no calendario dos máis pequenos.

«Este proxecto xurdiu no ano 2008, despois de que estudara un ciclo de Educación Física e de monitor de tempo libre. A partir de aí empecei a traballar con xente experta no sector», comenta Miguel Ángel, quen presume de ter auténticos profesionais colaborando con el. «No verán son oito persoas as que se dedican aos campamentos, todos eles con traxectoria no trato cos nenos», afirma, matizando que tamén se dedican «a poñer a música nas festas, en vodas ou en comuñóns, ademais de encargarse do mantemento e do socorrismo da piscina municipal de Pol».

Inchables, excursións, festas temáticas «e ata repostería creativa, aínda que con isto estamos comezando», afirma este experto no ocio, son algúns dos campos que toca dende o seu negocio. Pero son os campamentos os que levan a fama. Do 23 de xuño ao 9 de setembro, arredor de medio cento de pequenos da capital lucense están a ter a oportunidade de realizar unha morea de actividades lúdico-deportivas grazas ao Campamento Mochilín. Por outra banda, en Meira, durante xullo e agosto e coa axuda do concello meirego, non faltan «os obradoiros nos que poden elaborar artiluxios con materiais reciclados e reutilizados, ademais de follas secas, barro e revistas e xornais cos que fan collages», relata o artífice deste proxecto.

Nos obradoiros, os nenos dedícanse a traballar con materiais reutilizados, reciclados e naturais, como follas secas ou barro

O paraíso natural que se enmarca dentro da comarca de Meira non pasa desapercibido para ninguén. Por iso, «aproveitamos cando fai bo tempo para ir de roteiro cos cabalos e cos ponis ou mesmo ir de paseo ata Fonmiñá», comenta Vingolea. Visitas á piscina, viaxes á praia de Abrela, no Vicedo, «un lugar totalmente recomendable», a globoflexia, o tiro con arco -en colaboración con Casa Cazoleiro-, os xogos tradicionais e populares... Todo isto tendo a seguridade como máximo obxectivo a protexer durante todos os días nos que os nenos, de tres a doce anos, están ao seu cargo.

Os pais non quedan esquecidos no programa que oferta Vingolea.com, pois tamén ofrece «competicións deportivas, bailes e coreografías nos que participan tanto os raparigos como os pais». Así, non é de extrañar que a satisfacción no momento de poñer punto e final por un ano máis é mutua, para os organizadores e para os que participan. «É indescritible a sensación que queda despois de organizar algo, ver que todo saíu como se desexaba e que, ademais, todos quedan contentos coa experiencia», di orgulloso do seu traballo un auténtico fan do seu oficio.

Á hora de falar dunha posible ampliación da súa oferta, a resposta é que «sempre hai que estar innovando porque o mercado así o esixe, pero mantendo aquilo que máis lles gusta aos nenos que veñen de novo ou que repiten ano tras ano». Vingolea non precisa de anuncios. «O boca a boca neste caso é fundamental, tanto no caso dos campamentos como no da animación musical e outras actividades», responde Miguel Ángel. E é que o que está ben feito, é recoñecido por todos e non precisa de máis publicidade cá experiencia propia.

Comentarios