"Moitas veces está por enriba chegar a ser Messi a ter uns valores importantes na vida"

Leva máis de dúas décadas entrenando categorías inferiores e coñece ben os campos galegos, onde ve cada vez máis intromisións dos proxenitores
Miguel Burundarena
photo_camera Miguel Burundarena

Neste tempo que leva entrenando, notou un cambio de actitude nos nenos e nas súas familias cara o deporte e tamén no seu comportamento?
Cando empecei vía unha actitude, tanto a nivel dos xogadores como das familias, moito máis cercana, non había tantos problemas. Agora o que se ve, e é algo xeral, é que todos temos Maradonas, todos temos Messis. Moitos pais, non todos, métense no traballo do entrenador e co paso dos anos estase facendo máis difícil facer a nosa labor con liberdade e sobre todo nas categorías máis novas: alevíns, infantís e cadetes, incluso. En xuvenís non se observa tanto. Nas máis novas si se ve a pais que dirixen o xogo dos nenos e lles din que lles fagan caso a eles e non ao entrenador. Iso vai en contra do deporte base e da progresión dos cativos porque lle fan máis caso aos pais que a nós.

Cre que son máis frecuentes as queixas dos pais aos entrenadores polo tempo ou polo posto no que xogan?
Si. O outro día un entrenador contábame que lle viñeron os pais dun neno a preguntarlle por que non sacaba o seu fillo e por que non xogaba de dianteiro. Ese comportamento non é xeral, pero si que aumentou. Métense na túa labor. Eu teño o cativo no campo e o responsable son eu, téñense que adaptar a min.

Perciben que o deporte se ve cada vez máis como un camiño para facer dos fillos estrelas no canto de ser unha maneira de aprender determinados valores?
A nosa labor é crear unha persona no mundo deportivo, non crear Messis nin Ronaldos. Darlles uns valores que temos que ter todos na vida: o compañerismo, saber estar nos sitios. Pero moitos pais, cando ven un cativo que ten aptitudes xa non lle vale o equipo local, xa ten que ir para outro superior, sen ser nada o cativo, que o único que lle interesa é xogar. Iso pasa moitas veces, que está por enriba chegar a ser Messi a ter uns valores importantes que hai que ter na vida. Pasou sempre, pero eu creo que se incrementou.

Cal debería ser a actitude ideal dunha familia?
O ideal sería unha relación cordial co entrenador. A min gústaríame unha cousa que en trinta anos moi poucos me fixeron que é preguntar que tal vai o neno, se se porta ben. Eses pais son contados. Pregúntanche máis por que non xoga ou por que o sacaches do campo. Cando empecei a entrenar, un día estábanme esperando a nai e o pai dun chaval para preguntarme se o seu fillo non xogaba porque era pobre. A min caeume a alma aos pés. Deses detalles, non tan graves, hai. En cativos quen vai mirar iso? Eu trato a todos igual. A nivel de tempos xogan uns máis ca outros, pero é lóxico, porque non estás mirando co cronómetro. Para min o ideal sería que acompañaran ao fillo, que non se meteran co entrenador e que de vez en cando preguntarán como vai.

E cos árbitros, cal é o comportamento?
Lamentable. O que si pasa é que antes había máis peleas, máis violencia física, saltaban ao campo e todo. Agora non o vexo, salvo na tele e en internet, pero os insultos si que aumentaron e iso que son chavales os que arbitran. Foi a máis en todas partes.

Esa actitude, que repercusión ten despois nos nenos, inflúe no respeto que lle teñen ao entrenador?
Claro, iso é unha cadea. Se un pai protesta, o pícaro envalentónase e, depende das idades, pero pódeche armar un follón enseguida. E despois que os pícaros non teñen a mentalidade que teñen que ter, porque a mentalidade é de xogar e de pasalo ben. Que despois compiten, lóxicamente, e que queres gañar, pero mediante un xogo, non gañar por gañar. O máis importante é saber perder porque gañar sabe calquera, logo che veñen pasar a man por riba, pero cando perden, non ven ninguén. E iso non pode ser, que son pícaros que se están formando.

Comentarios