lunes. 06.12.2021 |
El tiempo
lunes. 06.12.2021
El tiempo

Meu amor

Confeso que cando era máis novo escribín cartas de amor. Cartas que se agora tivese que volver ler igual me facían poñerme colorado. Unha carta de amor é unha cousa de dous.

Esta que agora comezo é tamén unha carta de amor. Un amor loco, como son todos os amores de verdade. Os que importan. Os que cambian a vida da xente.

Eu, Lugo querido, necesito dicir que TE QUERO. Podo dicircho baixiño, ou podo subir á Muralla e berralo con forza. Quérote polo norte, sur, leste e oeste. Quérote. Quérote

Quérote cando te vexo ao lonxe, cando paseo polas túas rúas e parroquias. Quérote nova e bimilenaria, de día e de noite, tranquila e activa, traballadora e estudosa. Quérote cando me din que es a mellor e tamén cando me din que non es perfecta.

E por iso, vivo cun sorriso cada momento, cada minuto que penso en tí, cada hora de traballo por tí, cada encontro cos veciños.

Cada vez que me reúno con alguén que ten un proxecto que te fai feliz, eu son feliz. Que é o amor senón compartir con quen amas o bo e o malo?

Ademais, sinto que este amor vai medrando, cada día esperto coa ilusión de facer cousas novas xuntos. Proxectos que te farán unha cidade mellor para vivir e que fará máis feliz á xente que vive contigo.

Non che vou dicir que son o mellor amor, o mellor amigo. Es tí quen debe decidilo. Só podo asegurarche que te amo con locura, que che prometo esforzo diario, constancia, entrega, e quererte, QUERERTE con maiúsculas, cada día un pouco máis… se é que iso é posible.

Meu amor
Comentarios