As mestras son imprescindibles

E OS MESTRES tamén, claro, pero elas son maioritarias nos centros. «Son os mestres, meus parvos!» clama o filósofo Savater asegurando que no mundo sobran xenios pero faltan mestres. Empeza un novo curso e as esforzadas mestras saltan á area das aulas para facer o que mellor saben: ensinar, socializar, construír persoas.

E fano soportando a incompresión dos que deberan apostar por eles: a Administración encirrada por terminais mediáticas ao servizo do negocio privado. Atácase un colectivo imprescindible, o profesorado da escola pública. Mesmo con agostidade e alevosía apróbase seguir mantendo con cartos públicos o clasismo privado: tres millóns de euros para colexios que segregan por sexo. A mesma Administración que quita profesores estabulando alumnos de varios cursos nunha aula, recorta fondos nas escolas do rural.

Os mestres da escola pública traballan pola integración, a socialización, a mestura, a equidade, valores esmorecentes no mundo neoliberal. Pero ademais, según o CIS e institutos de opinión, os profesores do ensino público acadan un 85% de valoración cidadá, mentres que políticos e partidos están por debaixo do 10%. Da xestión do ministro de Educación, rexeitada como moi deficiente, mellor non falar. E a súa lei, a Lomce, terá curto e triste percorrido, como as anteriores, ditadas desde maiorías políticas e non desde o consenso.

As mestras beneméritas son moi ben valoradas porque traballan nas etapas infantil e primaria, as máis relevantes na epopea humana. Moito máis que o bacharelato e a universidade. Os responsables educativos do país saben estas cousiñas pero non actúan de acordo coa relevancia destas etapas onde ocorren as grandes conquistas: a fala, o apego, a socialización, lectura e escritura, as boas rutinas, hábitos alimenticios, os valores... Sen elas non se pode contruír unha personalidade culta, cívica e solidaria.

Curso a curso, os mestres traballan tendo en conta que só nestas etapas o alumno é o embigo do sistema educativo. Con familia e rostros coñecidos, con nome propio. Nas seguintes etapas, deixan de ser o centro e caras e nomes esvaécense.

Esas mestras sementan cada outono cultura, educación, coñecementos, e a sociedade colleita os froitos no verán. Pero agora puxemos o foco no fracaso, en vez de alentar os éxitos dunha educación pública gratuíta e universal, exemplo de equidade, pero que partía con moitas décadas de atraso sobre países veciños. Os seus logros en trinta anos foron impresionantes : dun país de analfabetos a un país cunha porcentaxe salientable de universitarios.

O éxito da escola é o da sociedade, o seu fracaso é o de todos. Por iso convén apostar polos mestres, apoiar ás mestras de infantil e primaria. Son imprescindibles.

Comentarios