A Mesa felicita a Blanco por defender el uso del gallego en el Senado

A Mesa pola Normalización Lingüística felicitou ao titular do Ministerio de Fomento, José Blanco, por empregrar o galego este martes no comezo da súa intervención no Senado. "Eu tamén son dos que defendo que nesta Cámara se poida falar algún día en galego", dixo o político nado en Palas de Rei (Lugo).

Para o presidente da Mesa, Carlos Callón, este xesto é "motivo de aplauso, tanto polo que di por quen o di", sobre todo, aclarou, nun momento de "agresións tan intensas contra a nosa lingua". Ademais, engadiulle valor as palabras de Blanco ao tratarse dun dos "homes fortes" do Goberno central o que realiza este alegato a favor do galego.

No entanto, desde A Mesa tamén manifestaron o seu desexo de que isto se traslade nunha presenza normal do galego na Administración Xeral do Estado en Galicia, "onde case todo está por facer para a nosa lingua". Para o portavoz da asociación, "sería importante simbolicamente que o galego se puidese falar no Senado e no Congreso, mais é moitísimo máis importante que se garanta o dereito cidadán a recibir información e atención en galego no Ministerio de Fomento, que lamentabelmente continúa a actuar como se Galicia non tivese idioma propio".

Desde A Mesa aproveitaron para esixirlle tamén a Blanco que estenda este xesto ás súas comparecencias públicas en Galicia, onde como norma xeral non fai uso do galego.

Comentarios