Merlin, o cabalo que come laranxas

SPEED VAI afeitarse hoxe. A súa barba é mesta, de pelo fino e teso. Faino cando asoma a calor do verán. Este ano vai rasurarse a máquina, aínda que Vilar, o núcleo onde vive, carece de enerxía. Nunca houbo luz en Vilar. Os habitantes orixinarios marcharon e os novos que chegaron foron vindo nunha suave colonización iniciada hai tres décadas.

Agora viven sete adultos e dous nenos. Varios chegaron dende Madrid ou Burgos; Speed vivía en Encontramento, «un sitio perto de Lisboa de onde saen todos os trens». El subiu a un vagón calquera hai trinta anos e percorreu media Península ata chegar ao centro do mundo, o centro do seu mundo, un casal de Negueira de Muñiz.

Ás veces as súas veciñas deciden que a barba non debe acadarlle o peito e sorpréndeno despistado para rebaixarlla. Onte, non, onte foi el quen decidiu darlle uso á máquina aproveitando que hai un gran xerador eléctrico no lugar. O aparello é tan grande coma o camión que o abeira. Aparcou en Vilar porque é o motor que mantén a ralentí un equipo de setenta persoas e cinco camións que está rodando a película ‘Vilamor’ , de Ignacio Vilar.

Vilar escolleu o espazo para filmar non por simpatías homónimas, senón porque «non hai cables, non hai coches, non hai antenas; consérvase tal e como era», apunta antes de amosar «un cedro libanés de máis de catrocentos anos», aínda que se laie de que caeu sobre «a escola que fundou Muñíz». Vilar non apareceu na plan de rodaxe por unha causalidade nin por unha pescuda de localizacións intensa, atopouno cando traballaba no documental ‘A aldea, o antigo e o novo’.

Regresou para ambientar ‘Vilamor’ en Vilar como regresa Breixo, un estudante de seminario encarnado por Rubén Riós cando novo —e o riotortense Luís Iglesia, cando adulto—, ao seu pobo.

Breixo estuda nun seminario, pero a súa firmeza de convicións se quebra ao descubrir unha comuna de hippies que se asentou nun lugar cercano; nomeadamente, cando descubre a Sonia (Sabela Arán). A emoción semella recíproca porque as rapazas que viven agora en Vilamor e asisten como espectadoras á rodaxe se sorprenden ao ver pasar a Rubén Riós. «E este é o cura, tía?». «Pois creo que si». «Pero non pode ser, está demasiado bo para ser cura».

A veterá conta o guión de memoria e de corrido, sen deixarse unha liña en branco. Bea, madrileña e con dous fillos, escoita absorta. A veciña de vello, que foi mirando chegar un a un a cada chegado desta marxe do encoro de Grandas de Salime, recoñece diante da muller que leva tres anos na aldea que «reflicten ben o que aconteceu aquí, pero falan de cando empezou a comuna e logo saltan á actualidade, sen falar do sufrimento que pasamos os que vivimos aquí para sacar isto adiante». Unha terceira alega que «é unha película de amor, tía».

Os habitantes de Vilar viven pousadamente mirando pasar as estacións co seu ciclo de nacemento, medre, morte e nacemento. A mañá de onte foi distinta e longa. Xuntáronse na aira de Nica, un portugués de Vila do Conde, para contemplar unha escena na que a filla de Sonia á que dá expresión a propia Sabela Arán, baixa a cabalo por unha corredoira en costa que artella as casas de Vilar, e se atopa con Breixo, coa cara de Luís Iglesia desta volta.

Nica cedeu a aira da súa casa para que pase por vivenda daqueles primeiros hippies. «O equipo de película leva un par de días e empezo a estar canso de tanto movemento. O malo é que empezo a afacerme a eles e, cando marchen, botareinos en falta». Moi implicado está o burgalés Salvador, que achega a Merlin, un cabalo que se chama coma o mago artúrico —mesmo pronunciado co acento na primeira sílaba—. «É o cabalo de Vilar, o que se usa para montar e para que os nenos xoguen con el», sinala. Salvador ignora o motivo do nome e mesmo ignora por que come laranxas: «Non sei, descubrímolo un día». Lonxe de sorprenderlle, para el é materia do cotián. Bastante menos estrano que que roden unha película.

«Isto é coma a rodaxe de 'A raíña de África'» 

Ignacio Vilar bromea comentando que «isto está sendo coma a rodaxe de ‘A raíña de África’», polas dificultades para os desplazamentos. Dende A Fonsagrada, onde se instalaron actores e técnicos, ata Vilar hai unha hora de furgoneta que se pode dividir en media hora de asfalto e media hora de camiño de coios.

Portear o material

Con todo, séntense coma andando sobre unha cama de plumas cando lembran que portearons as cámaras, os focos e os micrófonos por unha corredoira dende Foxo ata a beira do encoro. Houberon de contratar os servizos dun barqueiro para algunhas esceas.

Comentarios