Mercar diferenza

O PECHE DUN centro comercial coruñés converteuse hai cousa dunha semana en titular dos informativos galegos. Non sorprende isto último se temos en conta as tendencias dominantes do xornalismo oficial, que converte en noticia anécdotas de alcance mínimo. O oficio de informar semella perder moi a miúdo a medida e esquecer esa densa franxa de actualidade que se sitúa entre o macro, a cultura de grandes eventos, e o micro, o acontecemento case familiar, case privado: o menú do almorzo dunha detida no cárcere, o parto xeneroso dunha ovella, por non falar dos aborrecidos relatos, triviais e cotiáns, que tantas veces enchen (tele)xornais. A noticia, difundida nun programa de deportes dunha emisora de radio pública, do falecemento da nai do adestrador dun equipo galego é un dos mellores exemplos que se me ocorren para ilustrar esta elevación do mínimo á categoría de noticia.

Algo máis sorprende non ver entre a información diaria apenas reportaxes sobre a crise dos pequenos estabelecementos, incapaces de facer fronte en horarios e, aparentemente, en prezos, ás grandes superficies. Do comercio tradicional, de herdanza moitas veces familiar, tan só transcenden, se cadra, reportaxes sobre aqueles negocios que lograron sobrevivir unha crise anunciada migrando ao sector dos produtos exclusivos ou as delicatessen. Nada, non obstante, sobre o drama das tendas que se viron obrigadas a pechar absorbidas por unhas tendencias que contan co apoio de quen nos goberna.

Un dos días de máis apuro deste Nadal -apuro, enténdase, a mercar- mal puiden entrar na cidade debido á caravana que se formara para acceder a un centro comercial de moda. Pouco importa a cidade e o centro comercial en cuestión, pois para o caso, poucas son as diverxencias. As luces, xa acesas á aquela hora, da ringleira de coches que tentaba alixeirar o dispositivo da policía local transformaba a paisaxe da periferia e contrastaba coa tranquilidade que se vivía nas rúas do centro. Cando dei superado as retencións, sorprendeume a calma coa que puiden a facer os meus encargos, en plenas vésperas de Reis, nun ambiente ben máis agradábel, diverso e humano. Aínda así, sentín mágoa ao ver algunhas tendas pouco concorridas malia exhibiren produtos que adoitan quedar fóra da oferta das grandes superficies: artesanía, librarías de verdade -non almacéns de libros-, tendas de roupa doutras marcas -que habelas hainas-, tendas de agasallos orixinais, comercios con imaxinativos escaparates, vellos ultramarinos que resistiron atesourando a calidade das súas mercadorías, e moitos outros negocios que teñen, como principal reclamo, a diferenza fronte á uniformidade das grandes superficies comerciais, sexan da cidade onde eu estaba a facer as miñas compras, sexan, se me apuran, de todas as cidades do mundo.

Comentarios