Mercamelide arrancou con animación e saldos de ata o 70 por cento

O calzado e as prendas de roupa estiveron entre os produtos máis demandados na feira, que este domingo sorteará entre a clientela 500 euros
Público nun expositor de calzado
photo_camera Público nun expositor de calzado

A feira de oportunidades Mercamelide volveu contar o sábado, nunha nova edición invernal, con moi boa acollida e congregou no Pazo de Congresos e Exposicións melidense numerosos veciños e visitantes, atraídos pola ampla oferta de artigos cuns descontos medios de entre o 30 e o 50% no prezo, aínda que chegaron a alcanzar nalgúns produtos ata o 70%.

Este evento, un clásico xa na axenda de actividades da localidade, abriu de once da mañá a oito da tarde, con 25 expositores de comercios da vila. Os de calzado e de prendas de roupa estiveron entre os máis frecuentados nesta xornada inaugural, aínda que tamén houbo bastante actividade nos postos de produtos como as froitas, os mobles, os electrodomésticos ou os artigos de deporte, entre outros.

O arranque do día foi tranquilo e, pouco a pouco, foise achegando cada vez máis xente ata o mercado de oportunidades. Ocorreu sobre todo a partir de media tarde, cando comezaron actividades paralelas como os obradoiros para nenos, que tamén tiveron inchables, e os sorteos dos primeros vales do Mercamelide deste ano -dous de 80 euros-, entre as persoas que compraron artigos no recinto feiral.

Esta convocatoria, que organizan o Concello e a Asociación de Empresarios da Terra de Melide (Asetem), recibiu onte a visita, entre outras autoridades, da directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez Abeal, que percorreu os distintos expositores acompañada pola alcaldesa melidense, a popular Dalia García Couso.

Tralo peche dos postos, os organizadores amosaron a súa satisfacción por como se desenvolveu a xornada e indicaron que os comerciantes estaban bastante contentos polas vendas realizadas, aínda que esperaban recibir máis público e pechar máis transaccións hoxe domingo, un día no que tradicionalmente hai máis visitas ao celebrarse tamén feira en Melide.

SORTEO DE 500 EUROS. Os 25 postos volverán abrir este domingo no mesmo horario, entre as 11.00 e as 20.00 horas. Un dos pratos fortes desta xornada será o sorteo dun vale de 500 euros, ás sete e media da tarde, aínda que pola mañá xa se rifará outro, de 80.

Ao igual que fixeron onte, os vendedores obsequiarán aos clientes cunha rosquiñas tradicionais e cunha taza de chocolate.

Comentarios