Menos é máis

AGORA que Núñez Feijóo nos promete reducir a dez as consellerías da Xunta, resulta case esperpéntico comprobar que Raúl Castro recortará tres ou catro ministerios, pero aínda lle quedarán corenta. É evidente que tanta burocracia non pode ser boa para un país e o caso cubano é un claro exemplo de mal funcionamento. Recordo como unha funcionaria e membro do Partido Comunista de Cuba, de visita en Galicia, me confesou que tentaba camuflar unhas caixas de insulina que levaba para un familiar. Ía con medo porque sabía que se a descubrían na aduana seríalle comisada. Nin sequera os defensores do réxime castrista, que os hai tanto aquí como alá, poden aprobar esta situación, e moito menos o farían si o que necesitase o medicamento fose un fillo seu.

Cuba non é un caso illado nun continente americano que, en xeral, ten pouca sorte cos seus políticos. No panorama actual apenas podemos salvar a figuras como Bachelet en Chile e a Lula en Brasil; aínda que o destino quere que ambos estean xa no final do seu mandato. Fronte á súa eficacia e pragmatismo resultan grotescos personaxes como Chávez. Sen entrar no detalle da súa política, a posta en escena, os seus berros e exabruptos meten o medo no corpo e fan pensar que, de perpetuarse no poder, como é a súa intención, o futuro do país é preocupante.

Outros líderes, como o nicaragüense Ortega, xa materializaron no presente todo o seu potencial para arruinar o país. O que fora en tempos líder revolucionario quitouse a careta e hoxe goberna apoiándose na dereita máis reaccionaria; resulta abraiante ver como moitos dos que loitaron con el contra a ditadura de Somoza son hoxe represaliados e perseguidos. Mentres tanto, o país afúndese na pobreza, con niveis de vida que asociamos máis con África que con América.

Todas estas reflexións non son orixinais, hai moitos anos que figuras como Vargas Llosa denuncian a esta cuadrilla de dirixentes que someten aos seus países a todo tipo de abusos. Gobernar para eles non consiste en planificar a economía, abrir hospitais ou escolas; máis ben, ten que ver con estratexias para manterse no poder. Teñen ben aprendida a lección que ditou Maquiavelo en pleno Renacemento: o príncipe debe, por encima de todo, inspirar temor; nin sequera debe obedecer a principios éticos ou morais xa que o uso da violencia no exercicio do cargo entra dentro das súas prerrogativas.

Con todo, o filósofo florentino pensaba que todo iso acabaría redundando no benestar colectivo. No caso destes modernos tiranos penso que non é así; nen sequera lles podemos dar o beneficio da duda en canto a calquer ideal altruísta; semella que só están movidos polo fanatismo ou a tolemia.

Comentarios