viernes. 21.02.2020 |
El tiempo
viernes. 21.02.2020
El tiempo

Menchu Lamas: ''Gústame meterme de corpo enteiro dentro das miñas pinturas''

Menchu Lamas (Vigo, 1954) pode falar durante horas sen desviarse do núcleo da conversa. A artista leva décadas sen desviarse un milímetro do desenvolvemento da obra que imaxinou. Como froito obtén logros como figurar nunha escolma dos cen artistas españois vivos máis importantes. Ela figura no libro 100 artistas españoles (Exit Publicaciones), unha escolma realizada por críticos e galeristas, na que se lle dedican catro páxinas.

Así, entre nós. Como é de importante figurar nun libro coma este?
Significa que mantés a cabeza por riba da cota de flotación. É unha interesante escolma feita por expertos. Está ben tendo en conta que levo bastantes anos nisto.

Os anos que pasaron dende que comezou no Colectivo da Imaxe.
Si, iso foi no 76 ou 77. Eu daquela facía fotografía, imaxes pintadas e coloreadas, sobre todo. Logo veu Rompente, onde facía un pouco de todo: deseño, películas, diapositiva.

Vostede evita sempre a repetición. Ten iso que ver co paso á pintura?
Eu non quería estar nun punto, pero o paso á pintura veu dado polas circunstancias. Eu xa facía algo de pintura e empezaron a chamarme para presentar ese tipo de obra. A fotografía non tiña a transcendencia que ten agora. Seguín facendo fotografía, pero para min.

Como son as súas fotos de agora?
Non son tan manipuladas.

A súa pintura tamén camiñou cara á sinxeleza.
Camiñou. As primeiras pinturas estaban feitas con materiais como o cemento ou recurtes de madeira que as convertían en esculturaspinturas. Había teas de cores que tinguía.

A cor é unha constante na súa traxectoria. Os símbolos tamén estaban daquela.
Logo apareceron as formas de aspa ou cruz, os abanos e as mesas de pranchas.

Os abanos e as pranchas buscaban facer unha denuncia social ou tiñan motivación doméstica?
As pranchas tiñan un sentido completamente familiar. Daquela nacera o meu fillo Lois e eu pasaba o día pranchando roupa pequena. Acabei odiando a prancha! Non pranchei nunca máis! En canto ás aspas e os abanos, non tiñan un significado concreto. O meu xeito de traballar é circular, un traballo lévame a outro. Os abanos son estruturas que evolucionan ata mudaren noutros elementos. Cruzáronse converténdose en peixes.

Bota de menos os peixes e o mar en Madrid?
Levo en Madrid dende que rematei COU e vin estudar. Acordo de estar na Casa de Campo, mirar ao lonxe e pensar aliviada: "Ao fondo está o mar".

Cando veñen a Galicia vai mirar o mar?
É algo imprescindible. Temos unha casa enriba do mar.

E van algo ao Monforte do que procede o seu home [Antón Patiño]?
Dende que lle morreron os avós moito menos, pero imos en Semana Santa e uns días no verán. Antes os meus fillos pasaban un mes ao ano en Vilaescura, en Canaval (Sober). Nos primeiros anos vivíamos en Vigo e iamos a Madrid dende o Nadal ata maio. Era unha loucura pedir os materiais por correo e andar enviando as obras en camións. Aguantamos uns seis anos, ata que houbo que decidir polos colexios dos nenos. Daquela todo estaba concentrado en Madrid e Barcelona. Iso cambiou para ben.

E tanto vostede coma o seu home se dedicaban á arte. Que é o peor diso: a rivalidade artística, os egos, os intentos que o outro intente influírlle cos seus gustos?
Antón e máis eu falamos moito sobre os nosos traballos, pero nunca traballamos xuntos. Pintamos en horarios distintos e mesmo de xeito distinto: eu traballo pola mañá, sen radio, sen teléfono e concéntrome nunha obra; Antón traballa polas tardes e en varios obras ao tempo, escribe, fai arquitectura, fotografía. Agora temos estudos distintos, pero eu invado o seu coas miñas obras porque son moi grandes e non caben.

Por que lle gustan as pezas grandes?
Porque me gusta meterme de corpo enteiro nas obras; é como unha danza. Teimo ata que dou feito a obra que teño na cabeza. Iso non quere dicir que non me entregue a unha obra pequena.

Cales son os motivos para que pinte unha imaxe nun formato ou noutro?
A obra pequena precisa de que estea serea e concentrada. É un estado de ánimo especial.

Supoño que outro motivo será o de ter espazo nas galerías.
Si, ás veces non hai sitio nas galerías para as pezas grandes.

Pinta uns círculos tan grandes que non entran nas teas pequenas.
Hui! Os círculos son unha desas evolucións estrañas... Partín da Lúa, que mudou en espirais que acabaron sendo eses círculos impenetrables e envolventes.

Hai tamén unha volta das figuras humanas aos seus cadros.
Nos 80 facía unhas figuras entre home e animal. Esa mestura sempre foi sintetizada, era de liña; agora é de masa. Son sombras, presenzas que están aí coma un elemento máis na composición.

Interésanlle máis como elementos compositivos ca coma persoas.
A composición resolve o cadro, é o mais importante.

Imos rematar a entrevista e aínda non me explicou por que a atraen tanto as cores vivas.
Non o teño racionalizado. Cada cor ten unha razón de ser nun momento dado. Nunha época non facía un cadro sen ocre. A xente di que as miñas obras son coloristas, pero non é certo.

Eu estou coa xente.
[Ri] Non sei. Son contraditoria.

Con isto da crise, vai deixar de facer obra grande?
Non penso niso, sempre hai unha sorpresa na vida. A arte é susceptible dos estado de ánimo do comprador e agora andan co susto no corpo.

Menchu Lamas: ''Gústame meterme de corpo enteiro dentro das miñas...
Comentarios