sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Memoria Sacra, malia todo

Vendimia en la Ribeira Sacra
Vendimia en la Ribeira Sacra
"Porque ese Cunqueiro non ten nin idea de cociñar lampreas", dicíanos o destemido abrindo ben a boca ao carón dun tanque no que os abisais monstros dos ríos galegos chuchaban cristal. Ao ver a cara de pasmo que puñamos ante a pontificación, o hosteleiro decidiu optar pola prudencia, e preguntounos… "¿ou non seredes algún de vós ese Cunqueiro?"

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

POR UNHA VEZ datos oficiais e percepción persoal coinciden: a Semana Santa petou grazas á clase media e traballadora, e agora non estaría mal explicar que foi o que pasou, que todos estamos abraiados. Na nosa banda, percorremos a inesgotable Ribeira Sacra, testemuñando que aínda en terras tan patrimoniais confundimos memoria con historia e parroquia con país.



VISTA
Voulle ter que dar a razón por unha vez ao Goberno, de quen desconfío por defecto con independencia de quen estea nel. O mércores de Cinza á tarde, momento no que reparei en que había vacacións, entrei a Booking e vin unha cousa destas que poderei contar ás xeracións futuras. A vista ‘Mapa’, que amosa con iconiñas de cores a dispoñibilidade de hoteis no territorio, estaba totalmente poboado ao longo do interior de Estado de globos lila —isto é, non hai habitacións dispoñibles—. Nin unha soa en toda a metade norte peninsular. Incrible. Só rebasando as montañas orientais galegas comezamos a ver algunha dispoñibilidade —eis o noso feito diferencial—. E de súpeto, como sempre, lembramos a Ribeira Sacra.


GUSTO
Só en momentos como Semana Santa é posible andar ao desvío e atopar abertas aquelas adegas das que gostas os viños. Aínda que leves un chasco grande de cando en vez. Nunha delas o vate falaba pestes de como os nosos devanceiros elaboraban os viños: descoidados, suxos, sen preocupación pola calidade. Eran unhas pestes paternalistas e en castelán, por suposto, dulcificadas coa frase "eu tamén son galego pero que lle imos facer". A burricie dos devanceiros contrapúñase, por suposto, co ben que se facían as cousas agora en adegas como a del. Non sei se había no discurso máis ignorancia ou máis miseria: moita xente ten a tendencia de confundir o pasado cunha triste infancia nos tempos grises de Franco, e pasa o que pasa. Ao volvermos á casa grande na que nos hospedabamos, velaí estaban os vellos foros fidalgos da casa, do século XVII, nos que se especificaban con gran precisión as calidades do viño que debía entrar na súa adega. Hai que dicir que o discurso ignorante deste adegueiro é por sorte unha excepción: as denominacións de orixe da Ribeira Sacra e do Ribeiro son hoxe as grandes valedoras do viño con memoria, con cultura e con familia. E aínda lembro a emoción coa que Rodrigo Méndez (Forxas do Salnés) nos falaba o outro día de como atopou nunha adega de Meaño uns fudres de castiñeiro que testemuñaban tamén o vello oficio nun Salnés desmemoriado.


TACTO
Deste xeito, confundindo infancia con pasado e parroquia con país, temos a nosa Galicia chea de bocachanclas que negan a maior cheos de razón. "Aquí nunca se falou así", dicíame un cando eu lle preguntei por que dicía 'huevo' e non 'ovo', apuntando que iso do 'ovo' eran cousas da TVG e dos nacionalistas. Estamos cheos de rituais inmemoriais, coma o churrasco, que mesmo sabemos as familias polas que entra, en Lugo e Pontevedra, nos anos setenta, ou a queimada, que é un invento dunha 'rave' pop dos sesenta. E a ignorancia convírtese en estupidez. Lembro unha vez outro propietario de restaurante lampreeiro. "Porque ese Cunqueiro non ten nin idea de cociñar lampreas", dicíanos o destemido abrindo ben a boca ao carón dun tanque no que os abisais monstros dos ríos galegos chuchaban cristal. Ao ver a cara de pasmo que puñamos ante a pontificación do señor, o hosteleiro decidiu optar pola prudencia, e preguntounos directamente… "ou non seredes algún de vós ese Cunqueiro?".


OÍDO
Andan os seráns literarios alterados coa infantilización da literatura galega e a literatura para institutos. A vella manía de atacar a case os únicos que están a facer algo pola nosa literatura, no canto de aqueles que a deixan esmorecer cos brazos cruzados. Eu traballo coa literatura galega como xornalista desde hai case vinte anos, e como autor desde uns seis. Son precisas as dúas miradas para entender algo. E vou sacar a miña propia teoría de bar, que ao mellor un día destes desenvolvo. O que vivimos é nun autoengano colectivo. Somos como un enfermo que vai por un dolor de estómago e lle receitan pastillas para o mal alento. Se cadra precisemos un cuarto escuro e unha agrupación de literatos-editores anónimos para comezar a escoitar as verdades os uns dos outros, ceibarnos dunha vez e dar o xa necesario salto cualitativo.


OLFACTO
Cando se publique este SeiSentidos estaremos rematando a campaña arqueolóxica na que un colectivo de arqueólogos e divulgadores, chamado romanarmy.eu, afrontamos en Verín, coa colaboración do Concello, o grupo Síncrisis da USC e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. Buscamos as trazas de unidades menores do exército romano en dous sitios arqueolóxicos singulares: o Outeiro de Arnás e o Alto do Circo, nos que os especialistas do grupo cheiran a lóxica e a praxe militar imperial. Pero os dous sitios poden ser tamén fortificacións de calquera outra época. Gústame a ciencia cando é un caderno en branco e só as evidencias son as que poden falar. Así que escribo gozosamente para un futuro do que descoñezo o titular. Alto do Circo podería ser un valado fortificado altomedieval para gando e o Outeiro de Arnás unha fortificación do Antigo Réxime; ou ben rastros dunha guerra de hai dous mil anos que cambiou para sempre este territorio e as súas xentes. Hai unha cousa que me conforta: só a ciencia poderá, en última instancia, contra o bocachanclismo que nos devora.

Memoria Sacra, malia todo
Comentarios