A memoria dos castiñeiros

O VELLO CASTIÑEIRO mira atrás. A súa memoria é ben longa: máis de corenta millóns de anos. Vén dando sombra, castañas e follas moitísimos máis dos que o home leva na terra. Agora que está a espirse de follas e que agasallou as castañas cavila que apenas queda un 5% dos castiros que había en Galicia no século XIX.

Ninguén llo dixo pero sospeita que é unha das árbores máis lonxevas. Aquí cerca, en Manzaneda, aínda vive un vello de mil anos. Si, contra eles pouco pode o tempo, nin a choiva, nin o vento, nin as treboadas.

—Tampouco nos entra a couza —ri retranqueiro.

O que si pode con eles é a cobiza dos madeireiros que arrasan os soutos. O que non  derrota o tempo, faino o lume asasino. E láiase da impunidade suicida que baleira e empobrece a terra.

Oíu falar e moito de enfermidades terribles que acaban cos máis fortes. A tinta, unha especie de fungo, arrasou moitos soutos. Nas palabras que lle trae o vento escoitou que o cancro produciu unha catástrofe ecolóxica matando máis de corenta millóns de exemplares só en EE.UU. A globalización tamén existe para fungos e enfermidades que saltan as fronteiras. Pero mentres que os humanos teñen bos valedores coas súas pandemias, as árbores non. A quen lle doe a desaparición de tantos irmáns?

Recorda o tempo en que os castañeiros non se cortaban: eran a despensa do futuro. A castaña era un produto básico da alimentación humana e animal. Pero agora o rural está como está. A xente desaparece e con ela vaise a cultura da terra, os cultivos, os animais, as plantas. E as árbores.

Patacas e cereais empurraron os castiñeiros cara ó interior de Galicia. Alí resisten os últimos exemplares enfrontados ó abandono, ó esquecemento, ás enfermidades e ó lume. Se ninguén llo impide acabarán levando por diante o corpo e a alma dos que son testemuña da historia da terra. Seguirán así o camiño a ningures que emprenderon antes os umeiros, e que están a transitar agora mesmo os amieiros.

O valor económico dos froitos e da madeira é ben grande. A madeira dos castiñeiros é eterna, dicían os vellos. Tamén a castaña ten valores engadidos. Pero o principal valor é o ecolóxico. As follas do castiñeiro fan solo, ao redor medran moitas especies vexetais e as castañas alimentan a fauna grande e miúda.

—Vede a nosa sombra: é amable e fresca. E as paisaxes que xeran os soutos onde vivimos son un patrimonio natural de Galicia. Xa, xa sei que os homes medides todo polos cartos, pero… canto custa unha paisaxe?

Recorda o vello castiro que a súa raza de árbores leva corenta mi-llóns de anos viaxando no planeta. Oxalá a súa viaxe fose eterna e non rematase nunca!

O vento para, a árbore cala. Os recordos do escaso 5% dos sobreviventes apenas chegan máis aló do silencio polo abandono e a desfeita do medio rural. Ou do terror abrasador do lume. Ou das enfermidades que minan por dentro a estes xigantes.

A memoria do vello castiñeiro, chea de tanto pasado, mira agora ao futuro.

Comentarios