Libre pensamento: Seis meses en ataques de extrema dereita

Memes galeguistas con sabor a Historia

A páxina Galvanic Galician Memes crea dende marzo chanzas sobre o pasado e o presente de Galicia a través de diferentes personaxes históricos ► Vicente Risco, Hemerico, Feijóo... Non hai personaxe galego que se libre da súa mirada cómica

DESPOIS DO atentado terrorista de Barcelona, o Estado Islámico lanzou un vídeo no que ameazaba a "Al-Andalus" e prometía que España volvería ser terra de Califato. As redes fixeron todo tipo de chanzas e entre eles un grupo de galegos puxeron unha foto de El Cordobés e diferentes famosos da historia de Galicia (Vicente Risco, Castelao ou Charlie Sheen) ríndose del cun "nin sequera tedes un Almanzor desta vez".



É unha das numerosas creacións que produce a diario a páxina Galvanic Galician Memes, un proxecto nas redes sociais. Dende marzo esta pequena páxina en Facebook acadou xa máis de 4.000 seguidores e crecendo.

Galvanic é froito do traballo de Requiario, Pardo de Cela e Prisciliano. Estes tres estudantes galegos, que prefiren utilizar alcumes, eran admiradores de páxinas similares sobre bromas co pasado de países europeos como Greasy Greek Memes ou Low Fat Lithuanian Memes.

Requiario e Prisciliano eran os "máis colgados" deste tipo de páxinas e decatáronse de que non había ningunha iniciativa similar coa historia de Galicia. Así que pensaron que sería boa idea facer a súa propia coa intención de "poñer en valor a nosa historia dunha forma coñeira", explica Requiario.

Foi necesario un detonante para a creación de Galvanic. A páxina Glorious Andalusian Emirate Memes, administrada por un grupo de andaluces, fixo unha broma sobre Almanzor roubando as campás de Santiago de Compostela, entón os compañeiros decidiron que era o momento de responder.

"A maioría dos nosos seguidores non son xente especialmente inmersa no mundo dos memes"

A decisión de chamalo Galvanic veu da tradición neste tipo de páxinas de utilizar un adxectivo que comece igual que o nome do país neste tipo de páxinas. "Vimos o que significaba galvánico, fíxonos gracia e pareceunos o suficientemente bizarro como para poñelo", explica Requiario. "Mesmo pensamos en porlle Galactic", engade Pardo de Cela, o único dos tres administradores que estuda algo relacionado coa Historia.

Seguindo o estilo de páxinas similares, Galvanic creou unha linguaxe para os seus memes. Os galegos en moitas das súas imaxes son chamados suevos e os españois son visigodos, sendo o núcleo de moitas das súas bromas. Nas orixes da páxina un dos protagonistas principais era Hermerico, fundador do reino de Gallaecia, aínda que tamén apareceu moito Martiño de Dumio, evanxelizador dos pobos suevos. A partir deste punto apareceron diferentes figuras do nacionalismo galego e a historia de Galicia, sempre cun tono cómico. Neste tempo moitas das súas creacións tratan a diáspora galega (co máis que notable actor Charlie Sheen como protagonista) ou "a natureza" das ideas republicanas españolas.

A figura histórica que máis os inspira é Vicente Risco. De feito, o escritor galego é a mascota da páxina, sendo a imaxe corporativa da páxina imitando o famoso logotipo do Club Xabarín. "Para nós é un meme en si mesmo", explica Requiario. A gracia é a combinación do seu aspecto físico e as cousas que defendía na súa época "que a día de hoxe poderían resultar chocantes", continúan dende Galvanic.

Dentro da narrativa da páxina, Risco resulta un bo contrapeso de Castelao, "o galeguista que lle gusta a todo o mundo", aclara Requiario.

O contido da páxina cambiou moito dende as súas orixes, de chistes sobre o pasado a memes sobre a actualidade como Eurovisión, o Partido Popular ou o discurso de diferentes axentes da política española.

Empregan o inglés en todas as súas creacións porque a maioría das páxinas que os inspiraron fan chistes nese idioma. Ademais os memes cos que traballan orixinalmente xa están en inglés polo que resulta máis sinxelo para eles. "Decidimos usar o inglés para que xente de fóra do país poida seguirnos tamén", aclaran os administradores de Galvanic como outro beneficio de empregar esta 'lingua franca'.

FÁBRICA DE IDEAS. O seu proceso creativo é relativamente sinxelo. Os tres comunícanse a través dun grupo de Telegram e deciden os temas dos que lles gustaría falar: Rosalía de Castro ou as toponimias en galego, por exemplo. Entón un deles atopa un meme que poida servir de base para o chiste, produceo e o resto dá a súa aprobación.

"Tomamos bastante a coña todo, de feito ata fixemos un meme sobre Bóveda e outro sobre Moncho Reboiras"

Teñen unha estrutura participativa na que outros colaboradores mandan suxerencias sobre temas ou as súas propias creacións.

Ata o de agora non hai ningún tema que decidan non tratar. "Tomamos bastante a coña todo, de feito ata fixemos un meme sobre Bóveda e outro sobre Moncho Reboiras", explican os responsables. O único que tentan evitar son chistes racistas e machistas, algo complicado dado que moitos destes memes xiran arredor diso e "custa quitarlles ese factor".

"A maioría dos nosos seguidores non son xente especialmente inmersa no mundo dos memes", explican dende Galvanic, polo que tentan escoller formatos e temas sinxelos como bases dos seus chistes.

Ao equipo non lle gusta moito a etiqueta de activistas, aínda que Requiario recoñece que "facer ver que Galiza existe e ten historia propia xa é a día de hoxe un posicionamento político". Na páxina esfórzanse por non facer referencias partidistas. "Salvo do Partido Galeguista", bromean en Galvanic. 

O equipo de Galvanic non discute moito do seu futuro. "O noso obxectivo para estas alturas era chegar aos 500 seguidores", explica Requiario, unha cifra que xa se superou hai moitos meses. De momento esperan seguir publicando a diario "e ir incorporando novos temas" e publicacións especiais nas datas sinaladas como o día de Galicia. "Se a cousa segue a ir ben pode que intentemos expandirnos máis", explican os responsables que abriron hai un mes unha conta de Twitter para expandir o alcance das súas creacións.

O crecemento é lento, pero teñen vivido un par de subidas fortes con algún dos seus memes máis exitosos. Foi o caso dunha imaxe no que Rosalía de Castro mata ao Rei Bruxo, antagonista de O Señor dos Aneis.

Comentarios