La mejor música de los años 60

Actuación da formación Gramola na Cervecería Los Goya de Monforte (Foto: Montero)
photo_camera Actuación da formación Gramola na Cervecería Los Goya de Monforte (Foto: Montero)

Carlos Vila, Chichi, Quique, Toni e Paco son os integrantes do grupo de música monfortino Gramola. O seu repertorio está plagado de temas dos anos 60. A música da súa adolescencia é hoxe a característica esencial da súa formación.

Gramola conta con tan só uns meses de vida, xa que a formación xermolou a principios de ano. A idea naceu de Paco: «Estiven fóra máis de 30 anos e cando volvín propúxenlle a Quique, que o coñecía dende mozos, a posibilidade de facer un grupo. Así que atopamos elementos da nosa época, de cando tocabamos, dos anos 60 e formamos o conxunto», contou Paco.

Este non deixara de ter contacto co mundo da música dende a súa xuventude, caso contrario que o resto dos seus compañeiros, que levaban «uns 30 anos sen tocar», afirmou Paco. Todos son vellos coñecidos e nas súas épocas mozas formaron parte de varias agrupacións como Camo’s y Los Sauces, dúas formacións nadas en Monforte na década dos 60. Agora, en Gramola, cada un ten unha misión instrumental e comparten a voz dos temas. Paco faise cargo do piano, Toni pelexa coa batería, Chichi é o encargado do baixo e Quique e Carlos Vila manexan sendas guitarras, solista e de acompañamento, respectivamente.

Despois de levar anos sen ter contacto algún coa música «tivemos que traballar e ensaiar moito, ademais empregamos tres voces, polo que hai que acompasar e depurar bastante, pero o certo é que estamos moi orgullosos do traballo», afirmou o pianista de Gramola. O traballo previo a calquera actuación é duro, xa que os músicos monfortinos reúnense para ensaiar varias veces ó longo da semana, tempo no que volven á súa xuventude coa banda sonora máis axeitada.

Os máis míticos temas de The Beatles e Los Brincos están no repertorio de Gramola, así coma moitas outras cancións e éxitos de grupos da época. «Un dos temas especiais do grupo é ‘Con un sorbito de champagne’, de Los Brincos, que foi un dos temas do verán do 66», lembra Paco

É difícil atopar na recompilación de cancións de Gramola un tema que non pertenza ós anos 60, tamén é complicado escoitar unha valoración adversa sobre o grupo, «nunca escoitamos opinións negativas e é algo que nos enorgullece moito, xa que facer un traballo que guste ao público para nós é o mellor que lle pode pasar a un músico», confesou Paco, que ademais dixo que como ambición aspiran a «ir a máis, chegar máis arriba do que somos, sempre co paso do tempo».

Comentarios