jueves. 05.08.2021 |
El tiempo
jueves. 05.08.2021
El tiempo

Melide viveu a Festa do Melindre máis concorrida dos últimos anos

Os melidaos celebraron onte a súa XX Festa do Melindre, unha das máis concorridas dos últimos anos e que serviu para render homenaxe ós telleiros, un oficio tradicional do municipio.

A Praza do Convento ateigouse de xente para degustar os melindres, ricos e amendoados que se repartiron durante a mañá. O momento máis concorrido foi ó mediodía, coincidindo co pregón que pronunciou o actor Manuel San Martín, que encarna a Manuel Cabanas na serie ‘Libro de familia’.

A carpa instalada na praza quedou pequena para acoller a todos os congregados, pero a choiva respectou o pregoeiro e puideron escoitalo sen problemas. San Martín amosou a súa especial querencia por Melide, localidade que serve de escenario á serie que protagoniza.

Oficios

O pregoeiro tivo tamén palabras de recoñecemento para os oficios tradicionais da zona, dos que destacou os diversos artesáns, labradores, zapateiros e telleiros.

A estes últimos se dedicou a Festa do Melindre deste ano. En representación de todos, asistiron á homenaxe dúas telleiras de Furelos e Piñor, así como o pedáneo de Leboreiro, parroquia que antano acolleu varios obradoiros de fabricación de tellas.

Houbo tamén un momento de recordo para Concha de Lareo, melindreira da Casa Melchora falecida recentemente. O posto que lle correspondía na Praza do Convento permaneceu baleiro todo o día, ocupado unicamente por unha mostra de fotografías dos anos 70 sobre o seu traballo.

Balance positivo

800 quilos de doces vendidos nun so día

Os reposteiros de Melide despacharon durante o día de onte nos postos da Praza do Convento uns 800 quilogramos de melindres, ricos e amendoados.

O presidente da asociación Melide, terra doce, Alberto Rodríguez, fixo un balance positivo das vendas e indicou que foron superiores ás do ano pasado.

Explicou que a demanda de doces foi constante ó longo de toda a semana, na que os melindreiros recibiron numerosos encargos de clientes que non quixeron esperar ata o día da festa.

Melide viveu a Festa do Melindre máis concorrida dos últimos anos
Comentarios