Melide contaxia a festa e atrae músicos e bailadores

Cantos de taberna, concertos e serán con música e baile tradicional son a esencia desta foliada
Público da Foliada nun momento da xornada
photo_camera Público da Foliada nun momento da xornada

Melide leva dende o venres somerxida nun mar de músicas e nun ambiente festivo que levou ata a localidade centos de músicos e bailadores de toda Galicia e tamén de fóra dela. A XIII Foliada de Melide continuará hoxe, ata ben entrada a noite, e sen dúbida será aproveitada ata o último momento polos incondicionais que, ano tras ano, abarrotan a localidade e convértena nesta fin de semana no centro neurálxico da música e o baile tradicional.

O grupo Zoelas prendeu a mecha o venres á noite co primeiro concerto da fin de semana e o foguete estoupou onte, con toda a súa forza, para encher de festa rachada o casco vello de Melide.


Máis dunha ducia de grupos tocaron e cantaron sen descanso e puxeron a proba a resistencia dos bailadores


Os Treboeiros da Muimenta, acompañados de xigantes e cabezudos, espertaron os melidenses onte pola mañá e, a partir do mediodía, o concurso de cantos de taberna encheu os bares de música e xente. O primeiro premio foi para Corenta e Chinco Bois, o segundo para Sons da Mina e o terceiro para Fiadeira.

OBRADOIRO DE BAILE. A pasividade está prohibida na Foliada de Melide e nesta edición non houbo escusa para non participar, pois pola tarde, Rebeca Tallón, coa axuda de Bico da Balouta, ofreceu un obradoiro de baile para que ninguén quedase con ganas de botar uns puntos. Despois, a marcha gaiteira conduciu a xente polas rúas da vila cara á Praza das Coles, que xa estaba disposta para acoller o acto máis emblemático da Foliada de Melide: o serán.

Máis dunha ducia de grupos tocaron e cantaron sen descanso e puxeron a proba a resistencia dos bailadores, que deixaron ben claro que a festa en Galicia faina a xente.

Froito Novo, Herba Grileira, Pozo Pequeno, Alhóndiga, O Bingo Birón, Gaiteiros do Balado, A Maristela, Fol da Chousa, O Bringuelo, Falcatrueiros, Palacio do Rei, Airiños Galegos Doce Albor e A Rexouba animaron o serán, ata ben entrada a noite.

Ao peche desta edición, xa de madrugada, estaba previsto que actuasen os grupos Pelepau e Maskarpone.

A Foliada encheu Melide de xente que esgotou as prazas para durmir en hoteis e hostais. Tampouco era doado onte atopar unha mesa para xantar ou cear no centro da vila. Este domingo a festa continúa, da mañá á noite.

Comentarios