Meira acolle a V Festa da Afirmación e Dignidade

Os colectivos organizadores recoñeceron a Herminia Estoa, a título póstumo, e a Daniel López pola súa labor na asociación Irimia
Entrega das Mans de Irimia a López e á irmá de Estoa
photo_camera Entrega das Mans de Irimia a López e á irmá de Estoa

O Pedregal de Irimia de Meira acolleu este sábado a V Festa da Afirmación e Dignidade, na que foron recoñecidos Herminia Estoa, a título póstumo, e Daniel López Muñoz coas Mans de Irimia —obra de Manolo Pardo— pola súa labor na asociación Irimia e como "animadores e axentes activos da I Romaxe de Crentes Galegos".

O evento, organizado pola Irmandade Manuel María, a asociación cultural Xermolos e a asociación Avelino Díaz, coa colaboración do Concello meirego, arrancou coa lectura do manifesto a cargo de Mero Iglesias, que destacou o apropiado do momento "polas circunstancias que nos envolven, donde pobos minorizados tamén se afirman, precisamente en dignidade".

No acto interviñeron representantes de distintos colectivos, como Adega, que no pasado ano comezou unha campaña para sensibilizar sobre a situación do Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do Miño, "ameazado polos eucaliptos".

Outro dos que tomou a palabra foi Rubén Aramburu, o encargado de presentar aos galardonados. De Herminia Estoa, dixo que foi "coma outras monxas, unha muller feminista, loitadora a pol da igualdade". Ademais, rescatou fragmentos do libro Conversa con Xose Chao Rego, de Daniel López Muñoz, no que se descobre "o gran planeta Irimia".

O acto rematou co canto do himno galego por parte dos asistentes, que posteriormente trasladáronse aos cabanóns de Meira para desfrutar dun xantar de confraternidade ao que acudiron unhas 60 persoas.

Tras a comida, chegou o turno dunha serie de recitais de música e poesía, que foron celebrados na Praza do Convento. A banda municipal de música, as pandereteiras Nove Ferreñas e a banda municipal de gaitas foron algúns dos encargados de poñer o broche final á xornada cun amplo repertorio de música da terra, que incluíu poemas tradicionais e cantigas.

Comentarios