Medo ao medo

«Queres deixar de pertencer ao número dos escravos? Racha as túas cadeas e afasta de ti todo temor» (Epicteto)

ASISTO, ENTRE TRISTE e frustrado, pero non sorprendido, por esperados, aos recentes embates do sistema capitalista, tanto na súa manifestación mundial como na expresión desta no meu contorno, e que, coherentemente cos valores que o sustentan, conducen, progresiva e inexorablemente, á descomposición integral da sociedade que o padece.

Para acadar os seus propósitos, o sistema que controla o mundo, empezou por inocular o seu veleno ideolóxico para que foramos asumindo o individualismo exacerbado e a insolidariedade que comporta, por medio dunha calculada e obscena manipulación, na que xogaron un decisivo papel os medios de (in)comunicación masiva baixo o seu dominio.

Repetiu de xeito pertinaz perversións lingüísticas de interesada carga ideolóxica, tales como «libre mercado» (traducida á realidade, a liberdade desaparece), «mercado somos todos» (esencialmente imposible; eu non son o FMI, por exemplo), «ao contrario do público, o privado sae barato, funciona e dinamiza a economía» (os datos obxectivos convértena nunha falacia), «vivimos no mellor dos mundos posibles» (pero a obstinada realidade sitúanos cada vez máis lonxe da pretendida ataraxia), «capitalismo de rostro humano» (a acumulación de plusvalía que o fundamenta é, pola súa propia natureza, ilimitada, polo que só hai un capitalismo, salvaxe por definición, e, polo tanto, inhumano), entre outras moitas dirixidas con precisión científica a minar a liña de flotación psicolóxica do cidadán.

O modelo económico e socialmente dominante foi adoptando historicamente moi diversas formas, sempre coa intención de facer ostentación do seu dominio. Actualmente; animado pola virtualidade imperante, orientouse pola vía do capitalismo financeiro especulativo, o cal, tras uns anos de exercer como tal, emprendeu unha desas crises cíclicas, cientificamente calculadas, co obxecto de incrementar as súas ganancias e, tras anular calquera intento de reacción, saír, como sempre, reforzado. E outra vez, coa inestimable colaboración mediática, comeza un proceso acelerado, tendente a que os cidadáns asumamos os drásticos recortes de dereitos, cuxo recoñecemento supuxo os sacrificio solidario das xeracións anteriores, como se fora algo estritamente natural.

Así lograron que, desviando as causas reais da crise que padecemos todos, menos os que a provocaron, nos autoinculpáramos («viviamos por riba das nosas posibilidades», din moitos mileuristas atribulados por ter «abusado» do sistema, «hai que apertarse o cinto» ou «todos temos que arrimar o ombro» afirman traballadores que teñen o ombro dislocado de tanto arrimalo nun traballo precario, mal retribuído e alienante, en empresas que evaden, amparadas en subterfuxios de dubidosa legalidade, pero de indubidable inmoralidade, os xa de por si escasísimos impostos que terían que pagar neste país). Pero conseguiron tamén a desmoralización, e mesmo a autoinmolación, da sociedade civil, invitando ós cidadáns a renunciar ao papel que lles corresponde e a sumarse a unha especie de falso festín da corrupción xeneralizada, fixeron da mentira e do «todo vale» o fío condutor da relacións sociais e políticas, aproveitando, de paso, para desmantelar servizos e empresas públicas nunha campaña frenética de privatización directa de todo o rendible ou, previo saneamento con cartos públicos, de todo o susceptible de garantirlles enormes beneficios sen o máis mínimo risco. Ademais, fixéronnos crer que a gradación social básica entre os cidadáns radica na diferenza entre os que teñen traballo e os parados, entre os funcionarios e o resto dos traballadores, entre os que teñen algún traballo ocasional e os que teñen certa estabilidade inestable, entre os mileuristas e os que ganan o salario mínimo, en vez de afondar na separación esencial: a que existe entre todos os casos anteriores, tomados en conxunto, e os que, desde a súa situación privilexiada de poder, non só provocaron a crise senón que foron capaces de multiplicar as súas ganancias a costa dos que a sufrimos. Pero o máis grave é que todo o antedito foi aceptado pola que se supoñía a sociedade mellor formada da nosa historia, coa docilidade propia dun rabaño que, como tal, perdeu a súa capacidade de pensar autonomamente.

Ante esta situación, nin as máis firmes conviccións en que outro modelo para regular dunha maneira máis xusta as relacións humanas é posible, resisten á caída momentánea no pesimismo existencial.

Sumido neste estado, por unha desas inescrutables asociacións mentais, lembrei unha das máximas que acostumaba dicir a miña avoa que, obviamente, non tiña lido ao filósofo Epicteto, pero co que coincide nunha reflexión similar. «O peor dos medos, neno, é o medo ao medo», afirmaba con frecuencia. De pequeno, aínda que intuía a súa transcendencia, as súas sentenzas resultábanme tan crípticas que a necesidade de desentrañalas supuxo un aguillón intelectual inestimable para o fomento do meu espírito indagador e, polo tanto, crítico. Nunca llelo agradecerei suficientemente.

Efectivamente, o aforismo deume a clave para interpretar a situación actual. O medo ten o efecto paralizante que garante a consecución dos obxectivos do poder e así, unha vez aboado o terreo, nunha pendente esvaradía imparable, introducíronnos primeiro o medo ao futuro (asumir que calquera alternativa ao que hai leva ao abismo), o medo a nos mesmos (que non nos recoñezamos), despois, e, por fin, o peor de todos, o medo ao medo. Ateazados por estes medos, e case sen tempo para reaccionar, perdemos dereitos inalienables de todo tipo: sociais, laborais, humanos; en suma, perdemos o estado de dubidoso e desigual benestar (de que tipo? para quen?), perdemos a confianza nos alicerces que sustentan o estado social de dereito, perdemos o fundamento moral do concepto de xustiza como referente … Podería dar a impresión de que o temos todo perdido, pero aínda nos queda algo que, por si mesma, xustifica a resistencia activa para non perdela: a dignidade!!

Comentarios