Medo ao golpe

AO GOLPE DE estado económico. Pero tamén á golpesa, que debe ser o feminino de golpe-raposo. Admiro, unha vez máis, a riqueza léxica do noso idioma que nos permite este xogo humorístico de ambigüidades entre raposo, raposa e golpe, golpesa.

É unha especie de agonía, estarmos obrigados a falar de corrupción. O tema converteuse nun tsunami mediático que enchoupa absolutamente todos os ámbitos da convivencia en sociedade, xusto nun momento en que as decisións que se tomen en política económica poden mudar a nosa vida futura para destinos moito máis depauperados. Por que? Porque aínda segue aumentando o paro. Aínda seguen presionando á baixa os nosos salarios, aínda se segue profundando nos recortes en gasto público, aínda non rematou a reconversión bancaria -quérese dicer a concentración e centralización financeira-, aínda, en fin, non se albisca o final da recesión. Pero si se escoita, como unha música macabra de fondo, recomendarlle ao goberno do señor Rajoy que pida o rescate total. O poder financeiro español desexa un novo acceso a fontes de financiación -para el mesmo- máis baratas, sen importar as condicións que acompañarían ao rescate: máis pobreza para o conxunto dos cidadáns que vivimos do noso salario, ou das prestacións de desemprego ou da solidariedade dos pensionistas.

Que nesta situación exista unha debilidade do goberno, mostrábel aos ollos do mundo, é unha notábel fonte de vulnerabilidade. É imposíbel que, sen programar, haxa tantas desgrazas tan disparatadas e todas ao mesmo tempo. ¿Serán resultado dunha explosión de transparencia ou dunha invasión de porcaría estercada toda ao mesmo tempo? ¿Que resultado é esperábel? Acaso noquear goberno e cidadáns para que sexan tomadas decisións absolutamente inducidas pola desesperación. Creo que sí, o meu instinto dáme a pensar que se trata xusto de desesperar para desexar un final de alivio, sexa cal for.

Recordo agora o sucedido con Polonia no 1982: non parecía existir unha situación no mundo mais problemática, inxusta e antidemócratica que a soportada polos polacos en 1982: a presión mediática internacional utilizou a pantalla da democracia para ocultar as presións sobre as negociacións da débeda polaca: 26.500 millóns de dólares ($ do ano 1982) en mans de bancos occidentais. O espazo ocupado en prensa internacional do caso polaco só tiña comparación co tamaño da presión exercida sobre as autoridades polacas para admitir os termos da negociación das condicións de política económica precisas para devolver os empréstimos. Consello de Europa, Igrexa Católica, estadistas occidentais, sindicatos, intelectuais de esquerda, de dereitas e de centro..., cunha unanimidade merecente de análise máis fina, protagonizaron un circo mediático comparábel ao presente. Rematou o día en que Polonia aceptou as condicións de pagamento e solicitou o ingreso no FMI.

Comentarios