Mayra García: "Quero aproveitar a reserva da biosfera e tamén o noso tramo do Camiño Norte"

Despois de mudar coma un calcetín a política turística de Trabada, puxo en valor varias rutas de sendeirismo e traballa por impulsar o Camiño Norte ► Está a piques de poñer a andar un servicio para achegar á vila aos maiores das parroquias
Mayra García
photo_camera Mayra García

CONVENCIDA COMO está de que Trabada ten moito que ofrecer non dubidou un segundo en tratar de poñer a Trabada no mapa do turismo vencellado á natureza. Nin é unha aposta sinxela nin a curto prazo, pero os primeiros datos falan por sí sós: 30.000 persoas se achegaron a visitar as súas ofertas a través dunha páxina creada en Facebook só para iso. Outro dos piares do seu traballo son as necesidades básicas dos veciños, centrándose nos maiores e en servizos básicos que axuden e fixar poboación.

En que basea o seu traballo no eido turístico?
Queremos centrarnos en aproveitarnos da nosa presenza na Reserva da Biosfera, porque coñezo o meu concello e sei que temos moito que aportar e moito que dicir. Propuxemos actividades paralelas que axudan a poñernos no mapa. E é fundamental tamén apoarnos moito máis no Camiño Norte, algo polo que estou pelexando. En base a iso traballamos nas contas de Facebook e Twitter que creamos e nunha web na que estamos traballando e que estará funcionando antes de finais de ano.

Foilles ben coa súa presenza nas redes sociais?
Chegamos a 30.000 persoas acadadas. Creo que é moitísismo.

Sorprendeulle?
Si, si que me sorprendeu porque penso que é unha cifra moi importante. Tamén é verdade que o fixemos de xeito dinámico, con moitas fotografías, o vídeo que sacamos... Iso gustou moito e tirou moito das entradas que tivemos.

Nos videos sempre lle gusta verse á xente...
Claro. O último que tivemos penso que foi o que subimos da enfariñada, con Lola Yanes cociñando, e foi todo un éxito. Tivo moitísimas visitas.

"Xa fixen unha proposta para crear un centro etnográfico que estea vencellado ao Camiño Norte"

Sempre insiste moito na trascendencia que ten ir acadando o Camiño Norte para Trabada a nivel de concello e de repercusión.
Desde logo. Para min é algo importantísimo no que quero apostar forte. Xa o fixemos. Por exemplo, a Sociedade de Xestión do Xacobeo mudou o trazado da ruta polo noso concello hai pouco, e teño que recoñecer que atinaron, porque está moito mellor. É certo que vai nun treito amplo por zonas de eucaliptos, pero tamén vai bastante a carón de ríos e por partes con monte de carballos e castiñeiros. A min gústame moito e incluso a min mesma, que son de aquí, me sorprenderon lugares polos que pasa.

Mesmo ten un proxecto específico para iso.
Xa fixen unha proposta para crear un centro etnográfico que estea vencellado ao Camiño Norte pero no que ao mesmo tempo se vexan elementos etnográficos que teremos sobre todo gracias ás cesións dun veciño que xa ten montado un museo na súa casa. É algo no que estamos a traballar e para o que agardo ser recibida na Xunta porque se nos ten que escoitar. É un proxecto moi importante para nós.

Outro dos eixos do seu traballo é o de procurar melloras para os maiores do seu concello. No caso de Trabada, ten que ser algo fundamental.
Temos unha poboación envellecida e hai que ser conscientes diso e desde o Concello, que é a administración máis achegada á xente, temos que ser especialmente sensibles. Por iso quixen poñer en marcha un servizo co que polo de agora está a piques de iniciar o seu proceso administrativo, que será unha furgoneta adaptada para traer á vila á xente das parroquias.

Cal é a idea xenérica con esto?
Basicamente traer ós nosos maiores a Trabada para que poidan facer o desprazamento sen problema para facer cousas básicas para eles: dende vir comprar ó supermercado a vir ó banco... Xestións básicas pero que hai que facer e que ás veces a eles se lles complican polos problemas á hora de deprazarse.

Como o van poñer a funcionar?
Farémolo entre o Concello e a Deputación. Precisamente agora estamos iniciando a tramitación administrativa.

Comentarios