Maxia, bocatas e bicicletas para todos en Begonte

CHA2308P5F7.JPG
photo_camera CHA2308P5F7.JPG

Os begontinos, tanto os nenos coma os maiores, dispuxeron esta semana dunha chea de actividades nas que entreterse e aprender cousas novas, grazas á maxia e as bicicletas, ou para degustar bocadillos de peixe ou conservas.

Así, ó redor de 30 menores participaron nos exteriores do centro médico na entretida iniciativa ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’, onde a través de xogos e probas os máis pequenos coñeceron as vantaxes de consumir peixe ou conservas. E, como non podía ser doutro xeito, elaboraron os seus propios bocatas con ingredientes saudables.

A maior actividade concentrouse na fin de semana. O sábado, o mago Cayetano Lledó, a través dunha actuación do ciclo Camiños da Cultura, conquistou a pequenos e maiores co seu espectáculo ‘Máxico Circus Cabaret’, no que combinou ilusionismo e malabares, ademais de interactuar co numeroso público presente no club fluvial, onde tivo lugar a súa actuación.

E xa o domingo chegou o momento de facer deporte no Día da Bicicleta, que congregou un cento de participantes, entre nenos e adultos. A xornada comezou na praza de Baamonde, coa entrega de camisetas conmemorativas a todos os presentes e coa disputa dunha xinkana. A continuación, os ciclistas viaxaron pedaleando pola N-VI ata o club fluvial de Begonte, escoltados pola Garda Civil, unha ambulancia e Protección Civil de Guitiriz. Alí, houbo xogos na auga, un tentempé e entrega de medallas.

Día do neno

A festa aínda non rematou para os begontinos, xa que o vindeiro domingo, día 28, o Concello organiza o Día do Neno, unha completa celebración que se desenvolverá na praza de Baamonde, de 16.30 a 20.30 horas.

Os pequenos e pequenas que se acerquen a esta cita poderán xogar nos inchables, con coches radiocontrol, nunha pista 3x3 ou mollarse na festa da escuma, ademais de compartir a merenda.

Comentarios