domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

Maurizio Quarello: ''En Suíza non queren esceas nas que se vexan viño ou sangue''

Maurizio Quarello, co <i>Caderno de animalista,</i> nun parque de Lugo (Foto: Xesús Ponte)
Maurizio Quarello, co Caderno de animalista, nun parque de Lugo (Foto: Xesús Ponte)

Maurizio Quarello vive en Chequia e naceu en Italia. A súa principal carga de traballo chégalle de Pontevedra, da editorial OQO. Quarello é ilustrador de álbumes infantís e vive con satisfacción a internacionalización da súa profesión. Alumnos lucenses de arte asistiron este mércores a un obradoiro de ilustración impartido por Quarello, quen observou que "o que máis lles interesou foi  a demostración técnica de como facer un personaxe e un fondo".

Vostede estivo amosando o seu xeito de traballar a estudantes de Lugo. Hai moita diferencia entre o xeito de traballar nuns países e outros?
Si, eu traballo con OQO e tamén con editores checos, suízos e franceses, e cambia moito dun país a outro. Depende da súa cultura histórica e do seu xeito de concibir a arte. En España non teño problema para facer ilustracións terroríficas ou de temática social, pero hai países nos que si. Hai moita liberdade.

Por exemplo?
Non llo vou dicir, pero a diferencia está tamén en que cada editor ten a súa liña de traballo.

Semella contento con OQO, para os que fixo oito libros e prepara outro. Quen lle pon logo condicionantes?
En Suíza, por exemplo, non queren esceas nas que se vexa viño, nin tampouco sangue.

Cales son os atrancos en España?
Non hai tabús en España, traballo con liberdade total.

Foi tamén así no caso do Caderno de animalista, que  fixo co sarriao Antón Fortes?
O normal é que un editor me envíe un texto e eu faga as ilustracións. Neste caso OQO e máis eu fixemos unha escolma dunha serie de pinturas para que eu fixese versións con animais. O criterio non foi escoller as pezas máis representativas nin sequera unha de cada movemento. Fixemos unha escolma con obras que me gustaban a min e outras que achegaron eles. Non queriamos facer un catálogo de arte para nenos, senón proporlles un xogo. Unha vez tiñamos as ilustracións, encargamos os textos a Antón Fortes.

Pero xa me di que iso non é o habitual.
Non, o normal é que o editor teña o texto e logo intente buscar o ilustrador que mellor pode adaptarse.

Supoñamos que vostede é o escollido.
Ben, cando me chega un texto fago unha lectura rápida, o máis rápida posible. Primeiro para saber se me gusta e o vou facer; segundo, para que xurdan os personaxes e os ambientes. A seguir, fago uns bosquexos. Volvo lelo varias veces ata que o teño na cabeza. Falo co editor sobre os personaxes, por se poden ser mellorados en algo. A seguinte fase é un story board en pequeno de cada unha das páxinas e o proceso remata facendo as ilustracións en acrílico.

Vostede é dos ilustradores que segue o texto ou dos que crea unha historia paralela?
Cando se debuxa para nenos, hai que seguir a historia co coidado de non aburrilos. As ilustracións deben permitir aos nenos divertirse e aos pais recontar o que se conta no texto. O importante é que haxa equilibrio entre texto e ilustración.

As súas ilustracións móvense entre o surrealismo e o expresionismo. Os ambientes que debuxa son fantásticos e os personaxes teñen os riscos caricaturizados.
O surrealismo venme dese xeito no que entro en contacto co texto.  Tamén busco que os pais poidan ter novas lecturas ao ser esceas que se poidan interpretar de xeito moi amplo. En canto aos personaxes, divírteme pintalos esaxerándoos porque iso faille moita graza aos cativos. Canto máis absurdo e incrible parezan, mellor, porque van divertir máis aos pequechos. As miñas vellas son desdentadas.

Maurizio Quarello: ''En Suíza non queren esceas nas que se vexan...
Comentarios