sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Materias primas e especulación

O mercado de materias primas está suxeito a considerables variacións nos seus prezos nos últimos anos. Con certas diferenzas de comportamento entre produtos este grupo formado polos materiais enerxéticos, como o petróleo, o gas natural e o carbón, ou os minerais e os produtos agrarios básicos como os cereais e a soia, rexistrou unhas fortes variacións nos seus prezos. Nos últimos meses chegou a máximos históricos que afectan ao conxunto da economía ao encarecer os prezos da enerxía, da alimentación e na elaboración de produtos industriais básicos.

Parte destas fortes variacións está na propia rixidez da súa produción. O volume de produto dispoñible ao non poder aumentar a curto prazo en resposta a unha maior demanda e resulta así nunha importante subida do prezo. Outra parte destas variacións son debidas á tensión ocasionada polo forte crecemento do consumo nos denominados Países de economía emerxente que provocaron unha tendencia á subida de prezos. Ademais estes mercados de materias primas están influenciados por diversos sucesos que poden alterar o seu equilibrio por afectar á súa capacidade de produción, como son as revolucións en curso en varios Países árabes para o caso dos,produtos enerxéticos, ou do clima ou dunha maior demanda de biocombustibles nos produtos agrarios.

Estes mercados viñeron atraendo ademais un volume importante de operacións especulativas para obter beneficios elevados destas situacións. De feito varios dos fondos de investimento en materias primas estiveron entre os que tiveron maiores rendibilidades nos últimos anos, aproveitando estas fluctuacións de prezos, que contribuíron a aumentar coas súas operacións especulativas á vez que provocaban unha subida adicional no seu prezo.

Unha mostra do importante volume de beneficios obtido polas empresas especializadas no mercado de materias primas queda evidente con algúns datos obtidos na saída a bolsa de parte do capital de Glencore. Esta empresa, radicada en Suíza e fundada fai uns trinta anos, realiza a súa actividade na extracción, procesado e comercialización de diversas materias primas como petróleo, carbón, gas natural, diversos minerais e produtos agrarios.

Ata agora Glencore fora unha empresa moi hermética, que se relacionou con asuntos de corrupción nalgúns países africanos e sudamericanos, así como na ruptura do embargo da Onu sobre Iraq en tempos de Sadam Hussein. A saída a bolsa obrigou a valorar o seu patrimonio e desvelou que entre os seus propietarios atópanse seis dos seus principais directivos que acumulan accións por un valor duns 15 mil millóns de euros, isto é, unha cifra equivalente a unha vez e media o orzamento anual da Xunta. Estas grandes acumulacións de capital nun período moi curto veñen ser un reflexo do nivel dos beneficios obtidos nestes mercados de materias primas, que teñen un elevado nivel de especulación e de concentración das actividades nun grupo moi reducido de empresas.

Materias primas e especulación
Comentarios