Materia de relixión

INDEPENDENTEMENTE das crenzas,sentimentos e procederes é lexítimo-mesmo práctico-pensar sobre a convenencia de ensinar relixión católica nas aulas do ensino público obrigatorio.

Hai algunhas, cousas na vida que non conven converter en asignaturas, o que quere dicir materias para competir por unha calificación nun expediente académico. Non serve para nada levar boa nota en conduta e logo ser detido por conducir bébedo/a. O mesmiño que levar matrícula en relixión e ser sociópata.

As crenzas particulares, de cada grupo ou de cada colectivo, cando teñen un substrato cultural común, xa teñen base, xa gozan dese carácter colectivo. Se hai comunidade de crenzas, estas teñen un espazo, un tempo e uns códigos para seren encauzadas, canalizadas, socialmente falando. Diríamos que ademais están asistidas do dereito inalienábel ao seu exercicio en liberdade, tal e como se pode facer, nunha sociedade plural.

Se os católicos practicantes casan dacordo coas normas da Igrexa católica e desexan criar aos seus descendentes no seo da mesma, poden empezar por seren coerentes e non invadir espazos, tempos e recursos financeiros dos demais. Nas parroquias impartese catequese todas as semanas e a participación en actos relixiosos católicos sobardan con moito o aprendizado citado. Seica, tamén, nas parroquias se organizan accións participativas da colectividade que van máis alá da liturxia. Así é esperábel que a organización católica dos partícipes en crenzas e prácticas poida ser extendíbel até onde permita o exercicio da liberdade cidadá e do respeto aos demais. Hai que ter en conta que existen os ‘demais’.

Pasar destas consideracións, ao apetecíbel e cómodo foro que as aulas proporcionan, supón un verdadeiro salto mortal. A xerarquía católica buscou uns púlpitos gratuítos e obrigatorios, de momento parece que logrou o seu obxectivo pero botando por terra unha das bases da nosa convivencia organizada: o recoñecemento legal da liberdade tanto de pensamento como de acción no que se refire ás opcións relixiosas. O ensino universal e gratuito só debe ensinar o necesario para socializarse e dotar de coñecementos instumentais aos seres individuos que conviven nesa sociedade. Os nenos, as nenas non son reos de delito de crenzas asociais para necesitaren ser adoctrinados nunha relixión determinada. A relixión practicase e se non hai práctica os señores vispos deberían discurrir unha mellor maneira de atopar parroquianos.

Outra cousa, completamente distinta, é coñecer as bases históricas da civilización occidental na que o cristianismo xogou un papel que empapa toda a nosa cultura. Non obstante, teño as miñas dúbidas verbo dos plantexamentos actuais do ministerio español de educación, non parece que haxa o máis mínimo interese polo aprendizado da historia do cristianismo.

Comentarios