Matemáticas ao caldeiro

Lembro a fascinación que me causou escoitar por vez primeira a noticia, ou a lenda —neste caso rural— dun labrego que non só sacara a fame de enriba coa trata de madeira senón que chegara a enriquecerse cos negocios dun serradoiro que el mesmo fundara. O particular do caso non está na iniciativa nin na fortuna do paisano, senón non feito de ser este unha persoa analfabeta. A contabilidade da empresa era minuciosamente levada, segundo se conta, nunha libreta na que riscaba signos indescifrábeis baixo os que encriptaba os segredos dun negocio puxante. De se conservaren hoxe en día os heroicos cadernos, terían que formar parte dunha historia da economía galega que non adoita figurar nos manuais, e quen sabe se aquela grafoloxía de seu non tería que puntualizar tamén algunhas crenzas sobre a lectoescritura en Galicia.

O caso do madeireiro emprendedor veume á cabeza chamado polo ruído que ocasionou o nondebate acerca do texto coñecido xa popularmente como ‘decretazo’. E non me refiro ao texto en si, senón a toda a orquestración ‘de charanga y pandereta’ que o acompañou e que intentou contaminar a opinión pública con bulos tan burdos como aquel que alertaba dos perigos dunha nomenclatura enxebre na linguaxe matemática, con formas do tipo ‘tres ao caldeiro’ que nunca existiron máis alá da imaxinación antigalega dalgunhas e dalgúns. A brincadeira, un tanto infantil, tiña no entanto o obxectivo ben pouco inocente de asociar o uso do galego no ensino con «materias importantes» —tal é a consideración social da Matemáticas—, nesa particular cruzada emprendida hai algún tempo. O anacrónico debate xurdido acerca da utilidade da lingua galega para as Matemáticas había deixar perplexo o madeireiro e desolados os homes da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos, ao veren esmagado o seu soño de crear un discurso científico na lingua propia. O texto dado a coñecer este sábado salda, un ano despois do cambio político, unha débeda, pero vai deixar ben seguro con fame a quen iniciou e dirixiu a cruzada. O novo marco legal presentado, tamén esta vez ás caladiñas, dá as costas a unha boa parte da sociedade e das institucións galegas, e faino con fachenda, amparándose no fráxil escudo da vitoria electoral: fráxil porque as contas, a diferenza das do madeireiro, foron xustas, e fráxil porque é ben sabido que os ventos veñen e van e que toda tendencia se pode mudar.

Mellor sería que as enerxías gastadas ao longo de todo o proceso en invocar lendas —neste caso urbanas— e formular apoloxías dun ensino ‘libre’ e de calidade fosen empregadas para un debate profundo sobre a educación en Galicia, máis atento aos seus verdadeiros problemas —que habelos hainos— que aos supostos perigos dunha aprendizaxe en galego.

Comentarios