Marxinación do sector lácteo galego

O MINISTERIO de Agricultura remata de anunciar a posta en marcha da Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) segundo o que estaba previsto na lei de Mellora da Cadea Alimentaria. Esta nova Axencia ten como funcións o establecemento dun sistema de información, control e análise para os sectores ou mercados alimentarios que están considerados como especialmente sensibles ou estratéxicos, sendo citados de modo específico o leite e o aceite de oliva. Con este fin ten que establecer un réxime de control para comprobar o cumprimento das medidas establecidas nesa lei aprobada o ano pasado.

Esta nova Axencia ten a súa sé en Madrid e tres oficinas territoriais situadas en Córdoba, Jaén e Plasencia. O feito de que veña a substituír a outra anterior que era específica para o aceite de oliva non é desculpa para que só teña unha estrutura territorial establecida nas principais áreas de produción dese produto. O sector lácteo estaba expresamente citado na lei e na creación da propia Axencia polos problemas existentes no seu mercado ao estar pendentes de desenvolver e cumprir uns contratos por escrito que son obrigatorios desde outubro do ano 2012 así como a negociación de prezos entre as organizacións de produtores e as industrias.

A Axencia estaba prevista na lei aprobada hai xa cinco meses. Por iso non ten sentido establecer o novo Organismo cunha estrutura territorial que deixa á marxe ao sector lácteo. Galicia é a principal zona produtora de leite con case un 40% do total e con máis da metade dos gandeiros e onde recollen este produto todas as industrias lácteas máis importantes. Do mesmo xeito que non tería sentido deixar á marxe Andalucía no aceite de oliva tampouco o ten que a Axencia non teña unha actividade directa en Galicia con respecto ao sector lácteo.

Hai dous tipos de cuestións criticables neste asunto. A primeira é a marxinación demostrada polo Ministerio con respecto ao sector lácteo e a Galicia como a súa principal zona produtora, que se estende tamén á pasividade da Xunta en non denunciala e reclamar esa competencia. A segunda, que pode ser aínda máis grave, é o establecemento de novas estruturas de modo improvisado sen dotalas dun contido axeitado. Un exemplo deste modo de actuar está precisamente nos contratos por escrito na compra de leite que quince meses despois de ser declarados como obrigatorios carecen dun control sobre o seu cumprimento.

Comentarios