A Maruxaina voltou un ano máis aos Farillóns

A serea que é xulgada cada segundo sábado de agosto en San Cibrao foi declarada inocente de engaiolar aos mariñeiros cos seus cantos para que encaien nas rochas
Xuízo á Maruxaina, na praia do Torno
photo_camera Xuízo á Maruxaina, na praia do Torno

SEMPRE SE repite o mesmo final: a Maruxaina é declarada inocente de engaiolar aos mariñeiros cos seus cantos de serea para que acaben encaiados nas rochas e afundan no mar. Pero non por iso este xuízo deixa de congregar a milleiros de persoas na praia do Torno en San Cibrao cada segundo domingo de agosto. O espectáculo merece a pena.

Despois dun día enteiro de troula, no que as rúas de San Cibrao ferven de actividade dende ben cedo con charangas que animan o ambiente e moreas de familias e de pandillas de amigos que se xunta na rúa para comer e troulear, chega o momento de baixalo ritmo para esperar a serea na praia. Pouco antes da medianoite, os mariñeiros saen na súa busca aos Farillóns, as illas nas que habita todo o ano vixiante dos barcos que entran e saen do porto e pasan polas augas sancibrenses nas súas travesías.

Mentres uns mariñeiros traballan na súa captura, que non sempre resulta doada, os outros indícanlles o camiño dende A Anxuela con sinais luminosos. Xa coa serea camiño de terra, os asistentes poden gozar dun espectáculo de fogos artificiais mentres os maruxainos berran pola serea.

Chegou a hora. O gran xuízo, representado por xente da vila, está en marcha. Por unha banda aqueles que piden lume para a serea por considerala un ser maléfico que busca a perdición dos mariñeiros e pola outra, os seus defensores, aqueles que aseguran que cos seus cánticos indica á xente do mar cal é o camiño de volta á casa. Este ano, como todos os anos, quedou demostrado que a Maruxaina é inocente. Nada de ser maléfico. E por iso, para celebrarlo, hai que continuar ca festa.

Rodeada de mariñeiros, gaiteiros e maruxainos, a serea desprázase ata a Praza dos Campos, situada no centro da vila, para continuar cunha festa que parece non ter fin. Hai que cantar e bailar arredor daquela que quedou claro que se dedica todo o ano a vixiar que os mariñeiros sancibrenses volten á casa sans e salvos.

E como en boa festa galega, tampouco faltou a queimada preparada por expertos queimadores. Repartiuse de balde entre todos aqueles que compraron a cunca deste 2017 e converteuse no combustible que faltaba para seguir festexando. As orquestras Iris e Trova Musical foron as encargadas este ano de facer que a noite se fundira co día. Agora a serea xa descansa nos Farillóns.

ORGANIZACIÓN. Algúns dos asiduos á festa aseguran que a afluencia de xente baixou algo, pero aínda así a celebración voltou ser multitudinaria ao longo de todo o día.

Este ano, o Concello –que se encargou da organización coa colaboración de Amigos da Maruxaina, do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) e Mulleres de San Ciprián– prohibiu a acampada e pechouse o centro da localidade ao tráfico, dúas medidas que contribuiron a que a festa transcurrira con total normalidade, fóra de pequenas incidencias que acostuman a darse en grandes eventos.

Comentarios